"Galiza está ao bordo do colapso social e hai que reaccionar"

Vence, durante a entrevista con Praza CC-BY-SA Praza Pública

O portavoz nacional do BNG vén de retomar o traballo político e académico. Rodeado de libros, Xavier Vence márcase o obxectivo de "comezar o curso movendo todo o país, para levantarlle o ánimo" e erguelo "fronte ás políticas do PP". Coa manifestación convocada polo BNG para o vindeiro día 15 como primeira gran cita do novo período, Vence aspira a que a cidadanía diga "ata aquí chegamos" e que o Bloque sexa quen de canalizar ese descontento e a conformación dunha alternativa política. "Non podemos renunciar ao futuro", reitera.

Seis meses despois de chegar á portavocía nacional, como ve a musculatura interna do BNG?
Empeza a estar con certa tensión de reactivación. Hai unha recuperación do ánimo na organización; a militancia está traballando a pleno rendemento na loita política en todas as frontes. Estamos tendo unha actividade moi importante nos movementos sociais, estamos traballando moi ben no Parlamento e no Congreso dos Deputados, traballamos moi ben en Bruxelas... Tamén estamos moi activos no mundo do traballo, na defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras trasteados pola crise. A militancia está reactivada e moi cohesionada; hai unha sensación de paz interna moi importante que está animando a xente a traballar con moita ilusión e moitas ganas. É o comezo do que ten que ser unha nova etapa que agardo que sexa prolongada, de cohesión interna e de traballo cara a fóra, que é o que motiva a existencia dunha alternativa política como o BNG.

"Hai unha sensación de paz interna que anima a xente a traballar con ilusión, é o comezo dunha nova etapa"

Despois dun verán sen actos do Día da Patria por motivos alleos ao Bloque que obrigou a reestruturar a axenda política...
É a primeira vez que ocorre algo así. Foi unha situación tan excepcional e dolorosa polo feito acontecido que, nesas circunstancias, non podía ser doutro xeito. Pero, dentro desa excepcionalidade, retomamos o curso político con normalidade e, dada a situación do país, hai que empezar con moita forza. É necesario que haxa unha reacción porque a dereita persevera en continuar na súa estratexia e cada vez con máis fachenda. Por iso o BNG considerou a necesidade de comezar o curso movendo todo o país para levantar o seu ánimo fronte á situación e fronte ás políticas do PP.

Pode ter a manifestación do 15-S o efecto dunha faísca para tensionar o país nese sentido?
Nós levamos varios meses cunha campaña moi intensa contra as políticas da troika e do PP. Dalgún xeito, esta mobilización é tamén unha condensación dese traballo de concienciación e axitación que viñemos facendo. O 15 de setembro conflúen todos estes argumentos sobre temas cruciais que obrigan a unha resposta contundente. Galiza está nunha situación límite, cunha taxa de paro elevadísima. Continúa a destrución de emprego e o peche de empresas non só de sectores que foron moi tocados pola crise, como a construción e materiais, senón tamén empresas moi importantes do sector alimentario e tecnolóxico. É necesario parar ese proceso que nos leva a quedar cada vez cun tecido produtivo máis escuálido. A recesión continúa a pesar da propaganda do PP, a capacidade de consumo continúa deteriorándose, o investimento segue en cifras negativas... Estamos nunha situación límite, un auténtico colapso económico e social. Temos a amplas capas da poboación no límite, totalmente empobrecidas, con case 400.000 fogares sen unha soa persoa ocupada, dos que 92.000 teñen a todos os seus membros no paro. E isto obsérvase xa mesmo na alimentación dun número cada vez máis importante de nenos. A situación tamén é límite nos servizos públicos pola redución do gasto en educación, sanidade e servizos sociais ao longo dos últimos anos. E fronte a ese deterioro o PP ofrece máis do mesmo, sen un proxecto nin para o país nin para saír da crise. E hai que reaccionar, porque a cidadanía non pode soportar indefinidamente promesas que son só propaganda e que nas últimas semanas xa nos deixan atónitos. A pesar desa situación teñen o desparpajo de dicir que estamos en recuperación facendo unha interpretación retorta dos datos do paro. E, relacionado con todo o anterior, hai un proceso de recentralización tan radical e sistemático que está deixando a autonomía e a capacidade de autogoberno sen instrumentos. E o problema é que o Goberno da Xunta, no canto de defender as nosas competencias, colabora de xeito explícito na súa laminación. Está claro que, como cidadáns galegos e nacionalistas, non podemos quedar paralizados e resignados. Hai que reaccionar e queremos que iso se manifeste de xeito amplo e masivo o día 15.

"Hai amplas capas de poboación no límiite, e iso xa se observa mesmo na alimentación de moitos nenos"

Está sendo a oposición parlamentaria en xeral e o BNG en particular capaz de canalizar ese descontento e, por outra banda, de suplir esa falta de iniciativa política do PP da que fala?
Estamos facendo un labor de oposición nunha situación difícil e precaria. O panorama mediático e da creación de opinión no país está moi claramente hexemonizado pola dereita económica e política, cos poderes central e autonómico nas mans do PP. Iso, dalgún xeito, está asfixiando o espazo do debate público, porque dificulta a socialización de diagnósticos diferentes aos da dereita e a translación á cidadanía das alternativas e da esperanza que pode haber por tras delas. Dentro desas dificultades estamos facendo un labor moi intenso. Estou moi contento coa actividade parlamentaria que estamos tendo, porque estamos levando propostas que serven para poñer o dedo na chaga do desastroso das políticas do PP e, ao mesmo tempo, enunciar as alternativas para camiñar nunha dirección diferente. Tamén se produce unha situación de estrés extremo na cidadanía. Todo o mundo está preocupado en ir sobrevivindo nunha situación tan extrema e iso, acompañado dunha política de deslexitimación do público, tampouco favorece un labor de oposición. Pero, tendo en conta todo isto, estamos empezando a ver á cidadanía nunha nova disposición, máis receptiva a discursos que ofrecen alternativas.

O primeiro momento para presentar unha alternativa son as eleccións europeas. O Consello Nacional do BNG aprobou xa os criterios, como vai o entendemento con outras formacións políticas de cara a eses comicios?
As eleccións europeas representan un fito importante no panorama político, porque van permitir que o país exprese o seu rexeitamento ás políticas europeas, no Estado español e en Galiza. Son importantes non tanto polo que vai derivar nelas en termos de Goberno, senón como expresión da cidadanía. Hai que tomalas con moito interese, e é a ocasión na que Galiza debe manifestarse en Europa como país, sendo capaz de levar de levar alí os nosos problemas como país sen soberanía que forma parte da periferia europea especialmente trasteada pola troika. Traballamos dende hai tempo para formar unha gran coalición de forzas soberanistas de esquerda que queiran confluír para facer ese labor, para ser quen de levar unha voz potente ao Parlamento Europeo. É unha ocasión para reforzar ese papel de Galiza como nación tamén en Europa. O Consello Nacional xa aprobou os criterios concretos para conformala e esperamos que entre setembro e outubro sexamos quen de concretala, para ofrecerlle ao país unha alternativa ilusionante.

"Tentamos formar unha gran coalición soberanista porque é o que lle interesa ao país e ao reforzamento do nacionalismo"

Un dos criterios desa resolución indica que a coalición se realizaría con forzas que non teñan centros de decisión fóra de Galicia. Isto implica que boa parte das posibilidades de realizar ou non esa coalición depende da posición que adopte Anova?
Nós dirixímonos a Anova, entre outras forzas políticas, propoñéndolles a participación nunha coalición destas caracterísisticas connosco. Esperamos que, unha vez que comeza o curso político, continuar o diálogo con Anova e con outras forzas para conformar a candidatura. A nosa é unha disposición absolutamente aberta a formar esa grande coalición, porque entendemos que é o que lle interesa ao país e ao reforzamento da opción nacionalista.

Despois das europeas veñen as municipais, máis pegadas ao terreo. Podería funcionar aí ese “movemento multicor”, ese “polo nacionalista” do que vostede vén falando, para facer ver unha alternativa política no país?
Son dúas cousas diferentes. Unha cousa é a dinámica política e electoral, na que o BNG ten todo o interese e toda a disposición para conformar unha candidatura de ampla base que englobe a todos os nacionalistas de esquerdas do país, e outra é o proxecto Galiza pola Soberanía. Ese proxecto non ten para nós ningunha dimensión de carácter electoral ou institucional, entendémolo como ese movemento multicor para incrementar a conciencia nacional no país, no que queremos que participe todo o mundo, pero non ten nin debe ter unha orientación electoral. O seu obxectivo é de longo prazo e longo alcance, traballando na base da sociedade. Pero non debe estar condicionado por citas nin obxectivos electorais, porque non tería moito percorrido. Ten que ter vida propia, porque ten que ser da cidadanía, e permanecer á marxe mesmo das eventuais alianzas electorais. Aí o único obxectivo ten que ser fomentar e alimentar a conciencia nacional.

Vence, durante a entrevista con Praza CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.