Gas Natural e Caixabank únense á fuxida de empresas de Catalunya que o Goberno facilita vía decreto lei

De Guindos, Santamaría e Montoro © Goberno de España

O Consello de Ministros aprobou un Real Decreto Lei (RDL) de medidas urxentes en materia de mobilidade de empresas dentro de España. A medida, anunciada xa o xoves, busca facilitar a saída exprés ás empresas que están en Catalunya e que queiran cambiar axiña o seu domicilio social. En palabras do portavoz do Goberno, Iñigo Méndez de Vigo, o Executivo actuou a petición de "varias empresas". E faino logo de que o Banco Sabadell decidise mudar o enderezo a Alacant

O Executivo busca facilitar a saída exprés das empresas con sede en Catalunya e di actuar a petición de "varias compañías"

A norma aclara quen son os órganos competentes para aprobar o cambio de sede social por parte das sociedades que decidan mudarse. Facilítanse os trámites de maneira que só se existe unha declaración expresa en contrario por parte dos estatutos da sociedade, será o Consello de Administración o competente para aprobalo.

O RDL "aclara o contido" do artigo 285 do Texto Refundido da Lei de Sociedades de Capital para así facilitar a súa aplicación. Naquela norma do ano 2010 estableceuse que calquera modificación dos estatutos sería competencia da xunta xeral e que, agás disposición en contrario dos mesmos estatutos, sería o órgano de administración o competente. Con todo, en maio de 2015 e na procura da unidade de mercado (tamén a petición de grupos empresariais segundo Luis de Guindos), ampliouse o ámbito de aplicación a todo o territorio nacional e estableceuse que "agás disposición contraria dos estatutos, o órgano de administración será competente para cambiar o domicilio social dentro do territorio nacional".

Caixabank é das primeiras que beneficiará deste cambio, tras convocar o seu consello de administración esta tarde e aprobar o seu traslado a Valencia. O  resto de empresas do seu hólding poderían seguir esta iniciativa nas vindeiras horas. E unha delas, e moi importante, xa o fixo. Gas Natural aprobou este venres trasladar a súa sede social de Catalunya a Madrid. Decidiuno o consello de administrción extraordinario que se convocara. Con presenza corporativa tanto na capital do Estado como en Galicia, logo da integración de Unión Fenosa, a enerxética decidiu finalmente mudarse pero non á Coruña, onde mantén algunha sede. Na súa comunicación á CNMV, a empresa aclara que a mudanza prodúcese "debido á inseguridade xurídica" e "en tanto se manteña esta situación".

A enerxética Gas Natural decide trasladar a súa sede a Madrid

Gas Natural Fenosa é a terceira eléctrica española e primeira empresa gasista do país, herdeira da antiga Unión Fenosa (que adquiriu en 2008), ten máis de 17.000 empregados e en 2016 facturou máis de 18.400 millóns de euros. Mentres o seu principal accionista, La Caixa, o medita, a enerxética apostou por un cambio de sede polos efectos financeiros, regulatorios e laborais que tería unha declaración unilateral de independencia de Catalunya para unha empresa fortemente sometida a regulación española e cunha débeda de 15.000 millóns de euros. Os seus estatutos din que o consello de administración só é competente para "acordar o traslado do domicilio dentro do termo municipal de Barcelona".

Dez empresas cotizadas catalás poderán utilizar este RDL para o cambio exprés de enderezo social. A norma entra en vigor este sábado a ela pódense acoller Caixabank, a propia Gas Natural, Abertis, Grifols, Cellnex, Fluidra, Service Point, Ercros, Borges Agricultural Nuts, Dogi, Renta Corporación e Fersa. As cinco primeiras son compañías que cotizan no Ibex-35, o principal indicador bursátil español. Teñen un valor en Bolsa que o xoves andaba polos 75.000 millóns. 

O PSOE tivo acceso ao texto e deulle o seu apoio, que se expresará nunha abstención no Congreso cando se convalide o paquete de medidas.

Mas asegura que Catalunya aínda "non está preparada para a independencia real"

Ao tempo, nunha entrevista no Financial Times, o ex-president da Generalitat, Artur Mas, asegurou que Catalunya non está preparada para unha independencia real e que terá que seguir traballando nos mecanismos que lle permitirían traballar como un país soberano. Segundo di o diario, as chamadas de boa parte do independentismo a moderarse e adiar os seus plans chegan precisamente tras a aprobación do decreto lei para facilitar a fuxida das empresas do país. 

Mas asegura que Catalunya "gañou o dereito a ser un Estado independente" pero engadiu que para selo, hai cousas que o o país aínda non ten. "Isto non vai só de proclamar a independencia, senón de se converter de verdade nun país independente", engadiu. 

Sede de Gas Natural Fenosa en Barcelona CC-BY-SA Ricardo GNF

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.