Gobernar Santiago sen que se note

Xunta de Goberno de Compostela deste venres, con só catro edís e un técnico municipal © Concello de Santiago

A finais de setembro de 2012 restaba un mes para as eleccións autonómicas e o daquela candidato á reelección na Presidencia, Alberto Núñez Feijóo, compartía almorzo informativo con quen había menos de medio ano que chegara á Alcaldía de Santiago en substitución de Gerardo Conde Roa, condenado por fraude fiscal. Exercendo de presentador do evento o presidente da Xunta explicoulles aos presentes que "Ángel Currás ten por tras unha cidade que empurra, que se abre e que soña", e iso "non é pouca base para lograr que Santiago mellore", obxectivo para o que "fan falta ideas, ilusión e equipo no Goberno local; sei que el as ten e que o seu equipo, tamén". Menos de dous anos despois o xefe de filas do PP galego tenta desligarse o máis posible do gabinete ao que o seu partido chegou tras década e media de tentativas fallidas.

Compostela, dicía daquela Feijóo, é unha cidade "responsable, que esquiva os debates bizantinos" e que "non quere nin gobernos desunidos nin que desunan". Aquelas verbas presidenciais revélanse cobran un sentido ben distinto nesta primavera de 2014, na que o noutrora eloxiado Currás vén de celebrar a súa primeira Xunta de Goberno local de só catro membros, os que quedan tras os cesamentos en masa provocados polas presuntas implicacións no caso Pokémon e, sobre todo, pola condena por prevaricación a sete dos trece membros do seu equipo por unha decisión tomada nunha xuntanza á que el preferiu non acudir. Isto sucede mentres o rexedor tenta cadrar o sudoku de edís non electos que prevé presentar en sociedade o luns, previa bendición política dun Feijóo que procura, con maior ou menor fortuna, desentenderse dunha situación en cuxa xénese foi actor directo, non en van, propiciou a candidatura de Conde Roa en 2011.

Feijóo tenta desligarse o máis posible do Concello santiagués: "Pregúntelle ao alcalde", respóndelle á prensa

A través da súa tenente de alcalde, Reyes Leis, ou, o que é o mesmo, a través do 25% do goberno local, Currás comunicoulle á prensa que agarda o visto e prace de Feijóo aos aspirantes a edís, un heteroxéneo equipo no que prevé xuntar, por exemplo, un ex árbitro de fútbol e unha antiga decana de Económicas. Mentres, o equipo do presidente da Xunta fai transcender a través da prensa que a dirección galega do PP preferiría que Currás dimitise e o propio Feijóo, na liña iniciada tras a última reunión do Consello da Xunta, instou os medios a "preguntarlle ao alcalde, que é quen lle corresponde facer os equipos", cando foi cuestionado este sábado sobre se se reunira co rexedor para abordar a crise institucional da capital galega.

Recorte da axenda oficial do Concello de Santiago para o luns, 9 de xuño

Neste escenario, a axenda oficial do consistorio compostelán reflicte que no mediodía do vindeiro luns Currás presentará en rolda de prensa "os membros do novo goberno", no que non haberá máis de dúas persoas elixidas nas urnas, Currás e Leis, e no que máis da metade do equipo nin sequera foi incluído en lista electoral ningunha. Malia ao desdén do seu xefe de filas Currás asegura, en declaracións a Radio Obradoiro, que está cheo de "forzas" e "entusiasmo" para "levar a cabo o proxecto que comezou en 2011", isto é, o de Conde Roa. Isto non quere dicir, así e todo, que non "sopesase" dimitir. Pero "non son dos que abandonan cando o camiño é escuro e as dificutlades son maiores".

Currás agarda a bendición de Feijóo para un equipo no que máis da metade nin sequera foi en lista electoral ningunha

Dadas as circunstancias e mentres colectivos veciñais da cidade mesmo dubidan de que se poidan chegar a celebrar con ben as festas do Apóstolo o rexedor di entender que Feijóo non o apoie abertamente. "Son momentos difíciles para o presidente e para o partido; comprendo e respecto as valoracións que faga". "Dixo que a decisión de continuar ou non era miña e agradézolle a súa confianza en min", agrega. Sobre Feijóo fala tamén a oposición municipal, cuxo voceiro socialista, Francisco Reyes, lamenta que "lave as mans como Pilatos" ante un goberno que será "legal", pero non "lexítimo". Para Rubén Cela, do BNG, Currás está "deslexitimado e desprestixiado para encabezar un goberno como o da capital de Galiza", que vive o "último coletazo dun alcalde agónico".

Currás e Feijóo, nun acto público en 2012 © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.