Gómez-Reino e Bescansa: Podemos elixe o seu camiño en Galicia

Acto de Podemos en Galicia © Podemos A Coruña

ENTREVISTAS

Desde o pasado venres 18 e até o vindeiro mércores 24, as persoas inscritas en Podemos Galicia poderán elixir entre a candidatura de Antón Gómez-Reino ou a de Carolina Bescansa para liderar a formación. Son un total de 25.000, aínda que os considerados activos --aqueles que participaron nos últimos meses nas consultas internas do partido-- redúcense a 11.000. Votarán tamén para escoller os 35 representantes no Consello Cidadán, así como os integrantes da Comisión de Garantías Democráticas.

Unhas 25.000 persoas inscritas poden elixir a nova dirección de Podemos no proceso de votación aberto até o mércores 24

As primarias que parecían destinadas a un cambio tranquilo na dirección e á chegada ao liderado de Gómez-Reino, actual voceiro de En Marea no Congreso e co apoio claro de Iglesias e a maioría das figuras relevantes do espazo de confluencia en Galicia, volvéronse algo máis polémicas.

A dirección saínte, enfrontada a Gómez-Reino, sorprendeu cando a aínda secretaria xeral, Carmen Santos, anunciou que marchaba pero que o seu equipo apoiaría unha candidata que acabou sendo Carolina Bescansa. O anuncio das intencións da deputada compostelá descolocou a formación en Galicia. Recibiu importantes críticas, tanto desde a dirección en Madrid como desde o país, que a acusaban de querer abrir vellos debates e de intentar co seu desembarco manter o pulso con Iglesias. 

Gómez-Reino centra o debate en fortalecer a formación e as bases e Bescansa na confrontación co PP e Feijóo

Durante a campaña, mentres Gómez-Reino insiste unha e outra vez en fortalecer Podemos Galicia, mirar máis ás bases e liderar o espazo do cambio, Bescansa ellixiu centrar o debate na confrontación co PP, chamando a iniciar o principio da fin de Feijóo na presidencia da Xunta e eludindo polémicas sobre a marca pola que apostar nas citas electorais ou sobre as diferenzas internas. Expectantes, os diferentes e variados actores de En Marea, as candidaturas municipalistas e mesmo o resto da oposición, sabedores todos de que, sendo parecido, un Podemos non será igual ao outro. 

"Se lidero Podemos Galicia, farei un chamado para implicarse activamente na unidade popular"

Deputado e actual portavoz de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino contaba con construír unha candidatura unitaria e renovar así a dirección da formación en Galicia baixo o seu liderado e co apoio da dirección estatal. A irrupción de Carolina Bescansa mudou algo os plans de quen ve "ilusión" nunha campaña de primarias que cre que está pondo fin ao "distanciamento" que di que notaba nos últimos meses respecto do partido entre a sociedade e os propios inscritos. "A xente percibiu que as cousas non se facían ben", di. Seguir lendo

"Somos máis útiles liderando Podemos Galicia cun escano no Congreso que sen el"

Deputada no Congreso de Podemos e unha das fundadoras da formación morada, o seu enfrontamento coa dirección estatal non é segredo ningún. Anunciou a súa intención de presentarse ás primarias para liderar o partido en Galicia e as de Pablo Iglesias foron das primeiras críticas que lle chegaron. Tamén desde Galicia lle lembraron que leva vinte anos vivindo en Madrid e mesmo sinalaron a súa candidatura como un único intento de enfrontarse aos actuais dirixentes, valedores da candidatura do seu rival, Antón Gómez-Reino. Malia todo, Carolina Bescansa evita polémicas e cre que abrir ese debate interno neste momento "non lle fai ningún favor ao cambio político" no país.. Seguir lendo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.