A comezos de 2011 o daquela deputado do PSdeG José Manuel Lage, actualmente concelleiro en Noia, provocaba un pequeno terremoto no Parlamento ao publicar a súa nómina de parlamentario en internet en pleno debate sobre os salarios políticos. Aquela publicación foi aplaudida por algúns membros do Parlamento e vista con receo por outros de grupos diversos, especialmente no que xa daquela sustentaba ao Goberno. Dende o PP afirmouse que "as condicións de transparencia" eran "máximas" e, polo tanto, non había por que converter en norma a acción voluntaria do socialista. Media década e dúas leis de transparencia despois -a estatal e a nova lei galega, en vigor dende esta semana-, permiten coñecer estes salarios por primeira vez.
A publicación dos salarios, agora abeirada na lei de transparencia, foi negada durante anos
Xunto á posta en marcha do novo Portal de Transparencia da Xunta, o Parlamento vén de lanzar o seu. Aínda que máis precario tecnicamente, inclúe información reservada ata o momento. Este é o caso dos salarios, dos só era posible coñecer estimacións, baseadas nas regras para compoñer a remuneración dos membros do Parlamento, que xa eran públicas. Coa nova regulamentación a Cámara dá a coñecer os salarios e complementos cobrados polas súas señorías durante o ano 2015, ano no que sumaron 4,6 millóns de euros -arredor dunha cuarta parte do orzamento parlamentario-.
Os membros da Mesa da Cámara perciben unha remuneración superior á do presidente da Xunta
En virtude do réxime económico vixente dende 2013, nese ano a parlamentaria mellor remunerada foi a daquela presidenta, Pilar Rojo, que ingresou algo máis de 100.000 euros brutos anuais. Preto desa cantidade situáronse o resto de membros da Mesa -os populares José Manuel Balseiro e Miguel Santalices, actual presidente, e as socialistas Marisol Soneira e Concepción Burgo-. Os compoñentes do órgano reitor da Cámara percibiron, polo tanto, unha remuneración bruta maior á do presidente da Xunta, que ascende a algo máis de 73.000 euros ao ano.
A información resumida no gráfico superior está tirada das fichas feitas públicas polo Parlamento. O lexislativo ofréceas coa forma dun listado de arquivos en formato pdf, un xeito de amosar os datos pechado e non reutilizable que non permite analizar os datos en conxunto, realizar buscas ou empregar as cantidades para facer sumas, comparacións ou outras operacións. Todo isto si é posible efectualo coa táboa interactiva por baixo destas liñas.
O portal parlamentario impide realizar buscas ou reutilizar os datos salariais, posibilidade que si ofrece esta ferramenta
A xanela superior esquerda é o espazo para facer procuras polo nome de cada deputado ou deputada, e de todos eles amósanse catro campos de información: o salario fixo -54.364 euros anuais-, as indemnizacións -complementos en función do cargo: membros da Mesa, voceiros, vicevoceiros, e membros das mesas das comisións- e os gastos de locomoción, reducidos en algo máis dun 25% dende hai tres anos. A táboa inclúe os datos de todos os 81 deputados e deputadas que sentaron no Parlamento durante 2015 -houbo diversas substitucións- agás do popular Gonzalo Trenor, cuxos datos non son amosados polo momento a causa dun erro no portal.