Guía para seguir as eleccións autonómicas deste domingo

Presentación do dispositivo na xornada electoral © Xunta

Un total de 2.229.184 galegos está chamados a votar este domingo nas eleccións autonómicas para as que haberá habilitadas un total de 4.000 mesas nuns 2.500 colexios electorais de todo o país e ntre as que se distribuíron xa 55 millóns de papeletas. Así o detallou o secretario xeral de Presidencia, Valeriano Martínez, xunto ao diretor xeral de Relacións Institucionais, Gonzalo Ordóñez. Ambos os dous destacaron que o censo total elévase até os 2.696.566, ao sumar os 400.000 galegos inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (Cera).

Segundo explicou Valeriano Martínez, hai 2.770 representantes da Administración autonómica que serán os encargados da recollida de información que enviarán á central de datos a través de máis de 1.700 PDAs, algo que axilizará o proceso, xa que abrangue o 7% das mesas electorais. O reconto restante realízase a través de chamadas telefónicas que son gravadas.

Tal e como destacou Martínez, esta será "a primeira vez" que todas as instalacións utilizadas para a recollida de datos son da Xunta, cun centro de datos repartido entre as instalacións do Executivo galego en San Caetano e da Cidade da Cultura, onde se atopa boa parte do armazón tecnolóxico e profesional de seguimento.

O primeiro avance de participación será ás 10.15

A xornada electoral arrinca ás 8.30 da mañá coa constitución das mesas, mentres que os colexios quedarán abertos ás 9. Ás 10.15 terá lugar a primeira comparececncia da Xunta con datos e incidencias, mentres que o primeiro avance de participación chegará ás 12.30; o segundo,  ás 17.30. Ademais, logo de pecharse os colexios ás 20 horas, coñeceranse tamén os primeiros datos "significativos" do escrutinio entre as 21.30 e as 22 horas, malia que Presidencia non foi capaz de determinar a hora fixa na que se coñecerá os datos co 100% escrutado, ante as posibles incidencias e a espera polos datos dos residentes ausentes.

Os datos en tempo real do escrutinio poderanse seguir tamén a través da web http//eleccions2012.xunta.es, na que haberá información a tempo real dos datos por concellos e provincias.

 

Presentación do dispositivo na xornada electoral © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.