"Moitísima presión". É o que, en palabras do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, está a chegar "dende o empresariado" nas xornadas previas á folga xeral. No peche da campaña da formación contra a reforma laboral o líder nacionalista animou o conxunto dos traballadores a secundar as mobilizacións, aínda que, subliña, haberá "xente que querería seguilas, porque é consciente" de que a reforma laboral "afecta aos seus dereitos" pero non o fara por temor ás represalias. "Debo respectar as ideas que cada un teña, pero na vida fronte aos problemas só temos dúas saídas: a da resignación ou a de opoñernos colectivamente, pensando que o que lle afecta a un tamén lle afecta a outro". Trátase, di, de "recuperar a idea de solidariedade" e "non caer na trampa do PP" que, asegura, "tenta dividir a sociedade entre os que teñen traballo e os que non o teñen".
O líder do BNG cre "unha burla" que Feijóo anuncie a presentación dun plan de emprego para a propia xornada de folga
Nos minutos previos a un encontro con mozos, no que participou acompañado do economista Xabier Vence, Vázquez sinalou que a chamada do BNG á mobilización non se cingue só á propia folga xeral, senón tamén ás protestas que poida haber no futuro "para tentar frear esta escalada tan brutal da dereita" no "recorte de dereitos" non só no eido laboral. "Isto é un paquete de recortes sociais, laborais, de dereitos da muller, da liberdade de expresión". Todo, di, forma parte da mesma operación "do capital financeiro, co apoio de gobernos sumisos" para "retrotraernos decenios" en todos estes ámbitos. Neste sentido, a folga "é un medio lícito para opoñerse a unha reforma brutal", executada por "un goberno ultra" e que, di, é "peor para un país coma o noso, no que os salarios xa son máis baixos que a media do Estado". A reforma laboral, advirte, é "regresiva para os dereitos dos traballadores" pero, ademais, "é mala para a economía na medida en que baixará" os soldos e, polo tanto, impactará no consumo.
Neste escenario, Guillerme Vázquez considera "unha burla" que o presidente da Xunta vaia aproveitar a propia xornada da folga para presentar un plan de emprego co que, segundo Alberto Núñez Feijóo, a Xunta beneficiará a 44.000 parados. Feijóo, di o nacionalista, "vén anunciando un plan tras outro" pero "acepta os principios básicos" de medidas como a reforma laboral e "permanece indiferente fronte á crise". "Carece de credibilidade e non creo que poida resolvelo cun plan de 30 millóns". O que "haberá que demandar", subliña, é "que se poña a gobernar dunha vez este país".