Iglesias apela ao cambio tranquilo con En Marea, que xa pensa en "gañar" a Xunta

Iglesias diríxese aos mozos que quedaron fóra na Coruña © En Marea

En Marea xogaba na casa e aproveitouno. Ateigou o salón de actos da Facultade de Económicas no campus universitario da Coruña, onde unhas 800 persoas -case todas mozas- seguiron o mitin dentro e cando menos outras tantas tiveron que velo desde fóra a través dunha pantalla. Xogou de local a candidatura tamén nunha cidade feudo da Marea Atlántica, nun centro onde o alcalde Xulio Ferreiro daba aulas ata hai pouco e con Pablo Iglesias como atraente dun mitin que rematou no exterior do recinto, agradecendo ao pé do autobús de campaña de Podemos o apoio aos centos de persoas que non puideran entrar no acto. "Adiante porque o estamos tocando coa punta dos dedos! Sí se puede! Hai Marea!", díxolles. 

En Marea xogaba na casa, no campus universitario e cun público mozo que non colleu no auditorio 

Foi o único momento no que Iglesias elevou o ton. Dentro, apostou por un moi "calmado" e en claro intento de contrapoñerse aos seus adversarios políticos, aqueles que "berran e se enfadan" e aos que empeza "a notar nerviosos ultimamente". Empregou o acougo o líder de Podemos ante un auditorio que era todo o contrario. Insultantemente novo, recibiuno con berros de "presidente, presidente!", "hai Marea!" e "sí se puede!".

Aplaudírono tanto como ao alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que amosou o apoio das candidaturas cidadás como a que el liderou a En Marea. "O que fagades o domingo vainos apoiar a nós", dixo en referencia aos gobernos de cambio como o da Coruña. "Queremos un grupo parlamentario galego e un presidente con coleta", insistiu tras advertir que "os ollos de Europa están sobre nós". "Téñennos medo porque saben que podemos gobernar mellor", insistiu quen manifestou que o que se fixo nos concellos farase tamén "no Estado e en Galicia en 2016". "Imos gañar as xerais e imos gañar as autonómicas", engadiu. 

Iglesias apelou ao cambio tranquilo e ao voto silencioso en contraposición a uns rivais "nerviosos" que "berran e se enfadan"

Reivindicou Ferreiro, como Iglesias, o "sorriso" da xente que non ve "nos mitins do PP". O líder de Podemos volveu tirar de calma, do cambio tranquilo e "con ilusión". "Hai moita xente que sen facer ruído, collerá a papeleta do cambio; esas formiguiñas son o cambio porque o cambio terá ton de muller e a mesma firmeza que as nais que coidan dos seus fillos", dixo. Aludiu tamén aos maiores e aos "avós" porque "é fundamental que vaian votar cos seus netos este domingo". "O pobo é quen máis ordena", rematou, tras gabar, como todos os participantes no acto, a "alianza fraterna" entre diferentes sensibilidades que supón En Marea. 

 

Iglesias aposta pola "libre vontade dos pobos"

Esa mestizaxe foi o valor que máis se reivindicou nun mitin onde quedou clara esa mestura de quen di saber que "unidas somos poderosísimas". "Sós somos pingas, pero xuntos somos Marea", asegurou Antón Sánchez, deputado de AGE e dirixente de Anova, que presumiu do espazo de confluencia como "o mellor instrumento para Galiza" e que reivindicou o "dereito a decidilo todo". "Tamén o dereito de Galiza a decidir, a ser o que os galegos queiran ser", insistiu, para alcarar que "ao igual que España quere deixar de ser periferia e Alemaña, Galiza reclama deixar de ser periferia de España". 

En Marea reivindicou a "alianza fraterna" de sensibilidades e Iglesias apoiou con claridade o dereito a decidir "da xente e dos pobos"

Recolleu a luva Iglesias, que renegou dun "centralismo" que "quizais non sirva para construír o futuro" e que apostou por un Estado "que se fundamente na libre vontade da xente e dos pobos". Por iso, aludiu a Beiras para defender o dereito de autodeterminación. "España é un país de países e os acordos deben basearse tamén nos dereitos dos pobos", insistiu nun acto dirixido polo número un de En Marea pola Coruña, Antón Gómez-Reino, e que contou tamén coa presenza de Yolanda Díaz. 

"A Marea sodes vós", dixo a vicevoceira de AGE, que apelou a unha "alternativa de vida" e lembrou os problemas do naval de Ferrol ou dos traballadores de Alcoa, presentes no acto e que recibiron o apoio da candidatura. Apostou pola retirada das "dúas reformas laborais, a do PP e a do PSOE" e instou a "acabar coas sicav". "Amancio Ortega, a pagar como Juan Pueblo", dixo. Mentres, Antón Sánchez animou a acabar coa "estafa" das preferenes, os desafiuzamentos, o rescate bancario ou a que afecta "aos gandeiros e aos mariñeiros do cerco". Ademais, animou a Rajoy e ao PP a ir collendo os flotadores. "Non sei se haberá suficientes para tanto cargo que naufragará", dixo, tras advertir do "flotador laranxa" aos que algúns se queren agarrar, en referencia a Ciudadanos. 

Mitin de En Marea na Facultade de Economía da Coruña © En Marea
Xente seguindo o acto de En Marea no exterio da Facultade Dominio Público @Podemos_Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.