Imputado o goberno do PP de Valga polo presunto cobro irregular de dietas

Bello Maneiro, no medio, alcalde de Valga © Xunta

O xulgado de primeira instancia de instrución número 1 de Caldas de Reis vén de citar a declarar en calidade de investigados a sete dos nove concelleiros do PP no Concello de Valga, entre eles o seu alcalde -do mesmo partido- polos presuntos cobros irregulares procedentes das arcas municipais. O equipo de goberno deste municipio está imputado por presuntos delitos de malversación e prevaricación derivados do cobro polas asistencias do rexedor e dos seus edís a unhas reunións semanais denominadas comisións de coordinación, unha peculiar figura instaurada nesta localidade desde hai máis de dúas décadas. 

Todo o grupo de goberno de Valga, do PP, será investigado por un presunto delito de malversación e prevaricación

Na demanda, admitida a trámite o pasado verán, os denunciantes sinalan que estas comisións de coordinación véñense realizando dende o ano 1992, momento no que José María Bello Maneiro accedeu á alcaldía, na que continúa a día de hoxe. O PSdeG, único partido na oposición e quen denunciou estes feitos, advirte que os pagamentos recibidos polo rexedor e os concelleiros do grupo de Goberno pola asistencia a estas xuntanzas son mesmo superiores aos órganos colexiados regrados. Así, tal e como se pode comprobar na documentación municipal, os edís populares cobran 60 euros por cada vez que asisten a unha desas comisións de coordinación, a mesma cantidade que reciben os concelleiros  por acudir á xunta de goberno, 10 euros menos que pola asistencia ao pleno e 30 menos que pola presenza nas sesións informativas. 

A xuíza investiga o presunto cobro irregular de cartos públicos a través de dietas pola asistencia a comisións de coordinacion, instauradas hai 25 anos

Ademais, o PSdeG lembra que estas novidosas xuntanzas, que levan vixentes 25 anos en Valga, non están recollidas nin amparadas pola lei e a elas non asiste funcionario ningún do Concello, nin tan sequera o secretario. Segundo cálculos do grupo socialista, os presuntos cobros irregulares terían suposto preto de medio millón de euros ás arcas municipais desde 1992 e, na actualidade, supoñen 25.000 euros anuais nun municipio duns 6.000 habitantes. 

Os supostos cobros irregulares terían suposto un gasto total duns 400.000 euros nos últimos 25 anos, uns 15.000 por cada exercicio

Segundo fontes coñecedoras do proceso xudicial, a información achegada polo interventor ao maxistrado nas dilixencias previas advertía dun gasto para o Concello de 215.000 euros no período entre 2003 e 2016, o que supón unha media de máis de 15.000 euros en cada exercicio e dun total, de estendelo a todo o período,duns 400.000 euros.  Precisamente, na providencia que agora cita como investigados os concelleiros do PP, a xuíza solicita ao mesmo interventor e ao secretario municipal que acheguen tamén documentación "das persoas que viñeron recibido ingresos por asistir ás comisións de coordinación desde o ano 1992 até 2003, así como as cantidades percibidas por aquelas". 

A maxistrada reclama tamén que se acheguen ao xulgado "datos identificativos de quen era alcalde do Concello, secretario e interventor no momento de creación das comisións de coordinación investigadas". 

Hai xa anos que a oposición denunciou a existencia destas dubidosas comisións de coordinación en Valga, aínda que non foi até hai uns meses cando o PSdeG decidiu denunciar nun xulgado a situación. O grupo socialista destaca que o goberno local veu obstaculizando os intentos da oposición de fiscalizar estes cobros irregulares, denegándolle información sobre estes pagamentos ou sobre as actas das citadas xuntanzas. Algúns dos datos aos que si puideron acceder os concelleiros socialistas acreditan que o custo para o Concello da asistencia a estas xuntanzas só no primeiro trimestre de 2015 ascende a case 8.000 euros, tal e como destacaba na denuncia. 

O PSdeG cualifica de "escandalosa" a existencia destes "sobresoldos para cargos do PP"

Desde o PSdeG da localidade cualifican de "escandaloso" a existencia destes "sobresoldos para cargos do Partido Popular" no municipio, así como o elevado custo que iso tería suposto para as arcas municipais. 

As primeiras declaracións dos concelleiros do PP e máis do alcalde levaranse a cabo o vindeiro 29 de marzo, mentres que a segunda quenda terá lugar o 5 de abril, xornada na que tamén declararán como testemuñas o interventor e o secretario municipal. 

Casa do Concello de Valga Dominio Público Lameiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.