Imputado o xefe de persoal da Deputación de Ourense no caso Baltar

Feijóo, con Baltar e outros cargos do PP en Celanova © PP Ourense

Novo xiro no caso Baltar. A xuíza que instrúe a causa do presunto ofrecemento de emprego a cambio de sexo, na que José Manuel Baltar está investigado -antiga imputación- por presuntos delitos de suborno e tráfico de influencias -sen desbotar o de acoso sexual- vén de decidir que compareza coa mesma condición o xefe de persoal da Deputación de Ourense, José Luis Suárez, tamén alcalde do Concello de Monterrei polo PP dende as últimas municipais e fillo do anterior rexedor do municipio.

Nunha providencia ditada o pasado 26 de abril, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, a maxistrada Eva Armesto toma esta decsión despois de "ver" o "contido" das mensaxes telefónicas achegadas á causa pola denunciante -tamén investigada-. Esas SMS, reveladas o pasado outubro por eldiario.es, son consideradas relevantes pola xuíza para a investigación. Por ese motivo, a muller que denunciou o barón do PP ourensán terá que facer chegar o seu teléfono ao xulgado para realizar un "envorcado" dos mesmos, di a providencia.

Baltar mantivo ata o momento que o presunto ofrecemento de emprego por sexo era un caso "estritamente persoal"

A citación do xefe de persoal da Deputación prodúcese despois de que, dende o estourido do caso, Baltar mantivese en todo momento que este era un asunto "estritamente persoal", aseveración que combinou tamén coa advertencia de emprender "accións legais" que polo momento non se concretaron. A declaración de Suárez está fixada pola xuíza para o vindeiro 12 de maio, apenas catro días despois de que o propio Baltar exerza, na súa calidade de presidente provincial do PP, de anfitrión do congreso no que Alberto Núñez Feijóo será reelixido como líder do PP galego.

Determinante na condena a Baltar pai

O agora imputado ratififcou os enchufes polos que foi condenado José Luis Baltar

A relación do xefe de persoal agora investigado coa familia Baltar vai moi alén deste caso. Non en van, o seu testemuño foi crucial na condena a José Luis Baltar, pai do actual presidente provincial, por enchufar 104 persoas na Deputación de Ourense xusto antes do congreso do PP ourensán no que, en xaneiro de 2010, lle cedeu o liderado ao seu fillo. Mentres o patriarca da saga Baltar era aclamado polos seus fieis -entre eles, o pai do agora imputado, tamén chamado José Luis Suárez- ante os xulgados de Ourense, o xefe de persoal testemuñaba que, efectivamente, os enchufes se produciran. "O presidente daba o nome e o posto" das persoas ás que cumpría contratar por "razóns de urxencia", dixo, segundo recolleu daquela a sentenza. Previamente, Baltar culpárao a el dos feitos.

O actual presidente decidiu incorporar á Deputación un director xeral que estea xerarquicamente por riba do xefe de persoal, tamén alcalde de Monterrei polo PP

Tras a sentenza condenatoria contra Baltar pai -inhabitado por nove anos, pero xa xubilado- Suárez seguiu exercendo como xefe de persoal e continuou no posto tras ser elixido alcalde de Monterrei, aínda que Baltar fillo se opuxo, en público e en privado, a que compatibilizase os cargos. Nesta liña, tras revalidar a presidencia da Deputación o pasado ano José Manuel Baltar anunciaba a incorporación á entidade da figura da dirección da dirección xeral de Recursos Humanos, un cargo de nova creación con dependencia orgánica directa da Presidencia que, na práctica, suporá situar unha figura executiva xerarquicamente por ria de Suárez.

Tratábase, explicaba daquela Baltar, de que na institución traballasen "os mellores". Nesta liña, a finais de decembro abría o proceso selectivo, que aínda está aberto e no que participan sete persoas. O nomeamento da persoa titular do novo posto dependerá dunha comisión de valoración de cinco membros constituída o pasado marzo na que tamén senta José Luis Suárez, quen agora, na súa calidade de investigado, poderá declarar ante a xuíza Armesto sobre a política de persoal da Deputación coa asistencia dun avogado.

 

José Luis Suárez, alcalde de Monterrei e xefe de persoal da Deputación ourensá © Concello de Monterrei

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.