Menos que o pasado ano, pero unha cantidade substancial. O pasado 12 de xuño a Consellería de Economía e Industria estampou a sinatura en cinco acordos con outras tantas empresas editoras de diarios impresos de Galicia. Tratábase de senllos convenios polos que estas compañías se comprometían a publicar nos seus xornais información oficial deste departamento do Goberno galego durante un período determinado de tempo. A cambio desta publicación, o departamento que dirixe Francisco Conde achégalles un montante económico inferior ao dunha operación semellante coñecida hai xusto un ano, que ascendía a 600.000 euros, pero, así e todo, aínda está por riba dos 200.000.
Foron, nomeadamente, 229.623,25 euros os achegados por Industria a estas empresas para información pagada presentada cun formato semellante ou mesmo idéntico ao das pezas xornalísticas habituais. Nos cinco casos as editoras asumen formalmente o compromiso de "difusión de contidos de interese para a sociedade galega sobre actuacións relacionadas co ámbito competencial da Consellería.
Neste reparto a cabeceira máis beneficiada pola achega pública é La Voz de Galicia, con 110.774 euros. A continuación, con practicamente a metade, sitúase Faro de Vigo, ao que lle corresponderon nesta asignación 59.436,75 euros. Xusto despois está El Progreso, que recibe nesta ocasión 26.117,25 euros. Pechan a lista La Región de Ourense, cun convenio de 17.848 euros, e La Capital, empresa editora de El Ideal Gallego, con 15.447,25 euros.
Este xeito de repartir os fondos entre a prensa é unha constante no Goberno galego dende os anos 80
Este xeito de repartir fondos entre a prensa é unha constante no Goberno galego dende os anos 80, cando os primeiros gobernos autonómicos importaron unha práctica que xa era realizada en Euskadi polos Executivos do PNV. Este modelo de financiamento expandiuse e asentouse durante os gobernos de Manuel Fraga e continuou sen variacións durante os seguintes gabinetes, o do bipartito PSdeG-BNG e o de Alberto Núñez Feijóo. Estes dous últimos gobernos coinciden, ademais, en que prometeron a aprobación dunha lei de publicidade institucional que regulase este tipo de prácticas sen que, polo momento, vise a luz.
Esa lei, precisamente, foi prometida polo propio Feijóo por última vez no debate de política xeral de 2013, se ben aínda non se aprobou oficialmente trámite ningún. A normativa de publicidade institucional é unha reivindicación histórica de colectivos profesionais como o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que vén reclamando ademais que os subsidios á prensa estean ligados a factores como o emprego de calidade ou o uso da lingua galega e non aos contidos da información. Asemade, o Consello de Contas censurou en numerosas ocasións este xeito de financiar a prensa.