Infraestruturas merca espazos na prensa por 2,7 millóns e nega que faga "propaganda"

Hernández, nun acto público recente en Ames © Conchi Paz

Propaganda: "Actividade organizada para difundir as calidades, propiedades ou o valor de alguén, dunhas ideas ou dun produto comercial". Publicidade: "Arte ou acción de influír na psicoloxía da xente con fins comerciais, e actividade, medios e técnicas que se empregan con este propósito". Son as definicións que ofrece o dicionario da Real Academia Galega destes dous sinónimos parciais que xeralmente se distinguen tamén por que a actividade publicitaria adoita promocionar obxectos ou servizos e a propagandística, ideas. Neste debate terminolóxico é no que se mergulla a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para xustificar os seus gastos publicitarios ou propagandísticos correspondentes ao ano 2012, que entre convenios cos medios de comunicación e anuncios propiamente ditos se elevaron ata 3,9 millóns de euros.

Esta cantidade é recoñecida polo departamento que dirixe Agustín Hernández nunha resposta parlamentaria a unha pregunta escrita formulada pola deputada do BNG Ana Pontón a respecto dos "gastos en publicidade e propaganda realizados" pola Consellería durante o pasado ano. Antes de debullar as cifras, Infraestruturas explica que "os medios de comunicación social son pezas clave no proceso de formación de opinión pública e, por ende, no correcto funcionamento das institucións democráticas en canto se erixen en instrumentos esenciais para que os cidadáns poidan formar libremente as súas opinións e participar de xeito responsable nos asuntos públicos. Neste contexto, di, a consellería seguiu en 2012 "a liña e práctica desenvolvida en anos, lexislaturas e gobernos anteriores" en "materia de publicidade institucional, que non propaganda, como se di na pregunta parlamentaria".

Entre convenios e anuncios a Consellería gastou 3,9 millóns de euros durante 2012

Á marxe do rexeitamento ao termo "propaganda" -que a propia Consellería inclúe con normalidade nos seus orzamentos anuais-, Infraestruturas explica que realiza estes gastos para que "os cidadáns dispoñan dunha maior e mellor información dos servizos que presta" e cunha "redución significativa" a respecto do bipartito, que sitúa en "máis do 40%". Malia todo isto, en 2012, "asináronse diversos convenios de colaboración cos principais medios de comuniación escritos galegos por un montante global de 2.680.000 euros".

Estes convenios, nos que non media concurso público, consisten "na elaboración e difusión de contidos sobre materias incluídas no ámbito competencial da Consellería" e na "difusión de actuacións divulgativas e informativas" sobre ámbitos como "a ocupación racional do territorio" ou "as infraestruturas viarias". A práctica habitual nos convenios, non obstante, é que a información é presentada como unha noticia ordinaria, malia ser un espazo mercado pola Xunta.

A estes 2,7 millóns de euros cómpre sumarlles os gastos correspondentes á publicidade -ou propaganda- propiamente dita, isto é, aos "anuncios, insercións publicitarias institucionais e outros en diferentes medios de comunicación escrita, de difusión e incluso televisión", di o mesmo documento. Neste caso o "montante global" foi de 1,2 millóns de euros, resultado de sumar "máis de 300 expedientes de gasto cursados polos distintos centros directivos e entes adscritos desta Consellería", conclúe a resposta parlamentaria.

Hernández, nun acto público recente en Ames © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.