Investigar Angrois: agora tampouco toca?

Restos do tren accidentado CC-BY contandoestrelas

Porque o Parlamento "non ten lexitimidade". Porque carece de "competencias". Porque cómpre agardar os resultados das auditorías internas de Fomento, Renfe e Adif. Estes foron algúns dos motivos aludidos polo PP nos últimos meses para vetar as investigacións políticas sobre o accidente do Alvia en Angrois. Estas votacións, nas que os socialistas no Congreso e na Cámara galega obtaron por absterse, producíronse antes de que saíse á luz, a través do xornal El País, que o xefe de maquinistas de Ourense advertiu a Renfe en 2011, case 20 meses antes do accidente, da perigosidade da curva da Grandeira, na que se produciu o sinistro que acabou coa vida de case 80 persoas. Agora, as peticións de investigación volven estar sobre a mesa.

Esta advertencia, incluída na causa que instrúe o xuís Luis Aláez polo avogado do maquinista, sinalaba entre as anomalías da liña Santiago-Ourense o "brusco" descenso da velocidade na curva de Angrois. O responsable dos maquinistas de Ourense insistía no seu escrito en que este cambio de velocidade se realizaba "sen aviso previo", sen amparo do sistema de freado máis seguro, o ERTMS, e cun único sinal que "de pouco vale, posto que de non reducir previamente a velocidade, nada se poderá facer xa".

Adif e Renfe negaron ter recibo advertencias sobre a seguridade antes do accidente

Este informe pode ser determinante á hora de repartir responsabilidades, toda vez que o propio presidente do Adif, Gonzalo Ferre, asegurou ante o Congreso que non existira ningunha queixa previa sobre a seguridade da liña. "Podemos afirmar que o deseño [da infraestrutura] foi pacífico. Tamén o foi a súa explotación, xa que durante a mesma non recibimos ningunha queixa nin recollemos incidente ningún na zona", asegurou ante a comisión parlamentaria que estuda as posibles melloras no sistema ferroviario do Estado.

Requerimentos xudiciais e políticos

Neste contexto, o xuíz vén de esixir que Renfe achegue, nun prazo de tres días, "toda a documentación, de calquera caste", referida á comunicación do xefe de maquinistas, a cal, segundo declarou o presidente do ente público á axencia pública EFE, só foi coñecido hai un mes, no transcurso da investigación interna iniciada, precisamente, a causa do accidente de Compostela. "Sen dúbida ningunha -argumenta o xuíz- a unión da documental na que o xefe de maquinistas de Renfe en Ourense advirte da insuficiencia da sinalización para previr un accidente na curva de Angrois como o corrido o pasado 24 de xullo e propón a adopción de medidas para aminorar ou eliminar o risco ten interese para a causa, como tamén a de calquera caste de documento que teñan relación coa cuestión que poidan atoparse o poder de Renfe".

O xuíz coida que, "sen dúbida ningunha", o informe do xefe de maquinistas "ten interese para a causa"

Mentres a Xustiza adapta os seus pasos a este xiro no caso, no ámbito político as esixencias de investigación non se fixeron agardar. Despois de que, só no Parlamento de Galicia, o PP se negase por dúas veces a abordar o asunto nunha comisión, agora AGE e o BNG vólvena pedir conxuntamente -non teñen escanos dabondo para facelo en solitario- porque "os datos que se van coñecendo amosan claramente as deficiencias das medidas activas e pasivas de seguridade". A xuízo do voceiro de Alternativa en materia de infraestruturas, Antón Sánchez, é necesario "depurar responsabilidades políticas", toda vez que "había fallos nas medidas de seguridade e non o queren admitir". "Agora -abonda- os correos electrónicos do xefe de maquinistas de Ourense amosan que a curva tiña problemas e que houbo profesionais que avisaron dos mesmos".

AGE e BNG volven pedir unha comisión de investigación no Parlamento

Pola banda do Bloque o seu voceiro, Francisco Jorquera, coida que o "revelador documento" do responsable ourensán "contradí" aos dirixentes de ADIF, "que en todas as súas declaracións insistiron en que non se producira advertencia ningunha a respecto dos déficits de seguridade na liña". O Parlamento, di o Bloque, está "obrigado a investigar" por ser a "máxima representación política do pobo galego", e esta investigación é "perfectamente compatíbel coa que poidan e deban resolver tanto a administración ferroviaria" como os propios tribunais de Xustiza. "As persoas afectadas polo sinistro e o conxunto da cidadanía galega esixen e precisan coñecer as causas do accidente e tamén a situación real das condicións de seguridade da rede de alta velocidade na Galiza", conclúen.

Restos do tren accidentado CC-BY contandoestrelas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.