Investimento en ciencia e respecto pola paisaxe, principais reivindicacións das Medallas Castelao

Feijóo e os galardoados coas Medallas Castelao 2018 Dominio Público Xunta de Galicia

A arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola, a investigadora en medicina María José Alonso, o sacerdote galeguista Xesús Mato, o empresario textil Jesús Domínguez e os carteiros rurais de Galicia recibiron este venres en Bonaval, no Panteón de Galegos Ilustres, as Medallas Castelao deste ano, coincidindo coa data do 28 de xuño en que os restos mortais do propio Castelao chegaron a ese recinto. Nunha das edicións menos reivindicativas dos últimos anos, só as dúas primeiras galardoadas reclamaron nos seus discursos maior atención da sociedade e da política cara ás súas ocupacións.

Feijóo aproveita o seu discurso, dez días despois de renunciar á loita por presidir o PP, para dicir que “Galicia non é un lugar de paso”

Aguirre, paisaxista, salientou no seu discurso de agradecemento da medalla a necesidade de respectar e coidar a paisaxe herdada, mentres que Alonso incidiu na necesidade de investir en ciencia como garantía dun futuro mellor. O resto de galardoados optaron por mostrar o seu agradecemento ás persoas e organizacións que formaron parte das súas traxectorias vitais, como fixo o sacerdote Mato, ou por relatar os seus propios esforzos profesionais como fixeron o empresario ou a carteira rural que fixo de portavoz dos 1.007 integrantes do seu colectivo en Galicia. Neste último caso, coa polémica pairando sobre o acto tras criticar o sindicato UGT que a dirección da empresa designase de xeito unilateral os traballadores encargados de recoller a medalla sen contar cos seus representantes sindicais nin consultalo con todo o colectivo. Finalmente, ese discurso de agradecemento non contivo ningunha reivindicación de mellora laboral.

O que si aproveitou o seu propio discurso para colocarse novamente no foco informativo foi o presidente Feijóo. Dez días despois de renunciar a competir pola presidencia do PP argumentando que se debe a Galicia e que tamén desde aquí se pode influír na política estatal, este venres o presidente salientou que Galicia “non é un lugar de paso, nin un lugar onde nunca se desfán as maletas” senón que “Galicia é un destino desde o que se pode influír no mundo”.

Discurso de Feijóo durante a entrega das Medallas Castelao 2018 Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.