Joan Herrera: "A esquerda ten que perder o medo a gañar"

Joan Herrera CC-BY-NC Tornaveu

Joan Herrera, (Barcelona, 1971), visita Galicia como parte da delegación de Iniciativa per Catalunya Verds que participa na II Asemblea Nacional do Espazo Ecosocialista Galego, este sábado 22 en Compostela. Nun contexto de "fin de réxime" reitera a necesidade de "sumar forzas" para "gañarlles aos partidos que nos queren desmontar a vida". Co debate territorial catalán en plena efervescencia o líder de ICV amósase abertamente favorable ao dereito de autodeterminación e lamenta que PP e PSOE fixen posición "mirando cara a Rosa Díez, porque mirando cara a Rosa Díez non se constrúe nada". Ao seu xuízo, a aposta catalá polo dereito a decidir debe servir para "rexenerar" o conxunto do Estado.   

Iniciativa per Catalunya está inmersa nunha estratexia a prol da unidade da esquerda, tanto para as eleccións europeas como a longo prazo. É ICV moi ilusa ou ten datos obxectivos para pensar que agora poden conseguilo?
Non é unha cuestión de ser ilusos, senón de facer unha boa lectura do momento histórico no que estamos. Estamos nun escenario de cambio total do contrato social. Hai un libro de Josep Fontana, O futuro é un país estraño, no que explica esa ruptura do contrato social, a falta de respecto e mesmo a falta de medo ás clases populares. Cómpren solucións excepcionais ante unha situación excepcional. Produciuse noutros momentos e noutras latitudes, en Uruguai coa Fronte Ampla, por exemplo. Se non é agora, cando? Eu non creo que sexa o momento de nos desputar dous deputados máis ou menos, da loita pola hexemonía no seo da esquerda, que se poden entender noutro momento histórico, pero non agora. Nós facemos esa proposta, froito dunha análise na que cremos que nos están a quitar o máis básico, dereitos que ninguén discutía. Nós temos un proxecto político consolidado, non facemos esta proposta dende a debilidade. Facémolo dende unha relativa fortaleza porque cremos que é o que toca.

Nese esquema colle ERC?
Gustaríame que fose posible que estivese ERC. Pero Esquerra está noutra lóxcia, na que é quen de intercambiar recortes polo chamado proceso nacional, sen entender que non se constrúe un país aplicando política de recortes. Esa é a desconstrución dun país, e hoxe por hoxe, lamentablemente, eles están noutra onda.

O debate polo dereito a decidir téntase identificar dende o Goberno de España cunha cortina de fume de CiU e da Generalitat sobre outros temas. Pero non todas as persoas que saíron á rúa para reclamar a autodeterminación son votantes de CiU nin son de dereitas…
Non é unha cortina de fume. Artur Mas ás veces emprégao para tapar as súas políticas, pero unha cousa é que se utilice e outra que sexa unha cortina de fume. Hai un esgotamento total na relación de Catalunya e España, que racha coa sentenza do Estatut, cunha manifestación multitudinaria en 2010. Quen se carga o pacto constitucional, é o PP e a aznaridad no seu conxunto. Isto fai que hoxe en Catalunya haxa unha opinión moi transversal que aposta por pasar a outra etapa. Eu mesmo creo que a relación entre Catalunya e España non se pode manter como ata agora, e tamén o pensa moita outra xente de esquerdas, non necesariamente independentista. A crise territorial é unha das crises, que se suma á demográfica, á económica, á crise en torno á Monarquía… É unha crise de réxime.

Esta crise está xerando independentista, persoas que non se situaban ata agora nestas posicións dende o punto de vista identitario pero que agora apostan por esta via como solución aos problemas?

"O PP é unha máquina de facer independentistas; hai moita xente que se quere independizar de España, pero moita máis que se quere independizar desta España"

En parte, si, pero sobre todo o PP é unha máquina de facer independentistas. En Catalunya, e supoño que tamén en Galicia, hai moita xente que se quere independizar de España, pero moita máis que se quere independizar desta España, dunha España que aproba unha lei como a do aborto que nos leva aos anos 70, que fai cousas que nunca pensáramos que ían pasar. E a isto súmase a incapacidade de recoñecer unha aspiración democrática que os países normais solucionan como fixo Canadá con Quebec ou como fai o Reino Unido con Escocia: co dereito de autodeterminación, cunha proposta de sedución e non de ameaza e aí a xente resolve o que quere. A sociedade catalá é moi complexa, moi mestiza. E se está transitando do que podería ser un independentismo de en torno ao 15% ou o 20% da poboación a unha opción independentista que hoxe pode ser maioritaria é pola incapacidade de España de recoñecerse a si mesma. O PP é o maior aliado do independentismo.

En ICV conviven moitas almas, dende a federalista ata a independentista. Están de acordo no dereito de autodeterminación pero non coa culminación dese proceso. Como as concilian?
Hai un principio democrático, que é o principio de autodeterminación. Cando remate este proceso, e oxalá se poida facer a consulta en 2014, como formación política decidiremos en función de se o Estado é quen ou non de poñer unha proposta sobre a mesa. Convivimos baseándonos no principio de radicalidade democrática, de entender á vez que non é intercambiable o proceso nacional no que estamos cos recortes sociais, coas privatizacións ou coa sociedade de mercado na que estamos.

Ata onde cre que pode chegar o Goberno de España para frear a consulta e o proceso? Chégase a apelar a cuestións moi atávicas da sociedade española, case ao berro de “a mí el Ejército”…

"O PSOE segue a remolque do PP e UPyD, que miran a VOX"

Mesmo falan da intervención e suspensión da autonomía. Hai sectores da dereita que falan desa suspensión da autonomía, pero eu creo que o máis preocupante é o efecto arrastre: PP e UPyD mirando a VOX, UPyD marcando unha axenda ultracentralista, o PP séguindo a remolque e o PSOE seguindo a remolque ao PP e a UPyD. Nunha enquisa  recente o electorado do PSOE, sen ningunha pedagoxía, está maioritariamente a favor de que en Catalunya se poida facer un referendo de autodeterminación. Eu quero pensar que ao final a sociedade española é mellor que a política ou que algunhas forzas políticas españolas. Quero pensar que é unha cuestión de tempo, pero preocupa que hoxe en España haxa unha realidade en Madrid rexión que está moito máis á dereita que o conxunto da sociedade. E xa non falo nas recoñecidas como nacionalidades históricas, senón que en lugares como Andalucía, Asturias… o clima é distinto que na rexión de Madrid, que forma parte dos problemas que ten a sociedade española.

Chegados a este punto, cabe a posibilidade de que todo quede como está?
Iso é imposible. Podería quedar todo como está, pero cunha maioría da xente en Catalunya desconectando e cunha pingueira constante que levará máis xente cara a teses de ruptura ou secesión. Cando un 70% ou 80% da poboación quere exercer o dereito de autodeterminación é cuestión de tempo, pero é imparable. Non cabe a postura de que todo continúe como está; o que si creo é que a reación por parte do Estado español é a máis estúpida, a máis pechada. A que máis alimenta o independentismo. O que tería que facer é recoñecer o dereito de autodeterminación e poñer sobre a mesa unha proposta de federalismo que non sexa uniformizador, porque a realidade catalá ou a galega é moi distinta á doutras partes do Estado, é evidente. O gran debate é que a demanda catalá non se basee no agravio económico, para min é un erro garrafal, no de "España nos rouba, a España subsidiada".

"Cando un 80% da poboación quere exercer o dereito de autodeterminación é cuestión de tempo, porque é imparable"

Como pode influír no resto do Estado ese exercicio do dereito de autodeterminación?
Ten que servir para rexenerar España. Hai quen pensa que é mellor negar esa onda, é o que fai o PSOE, por exemplo. A responsabilidade da esquerda sería aproveitar esa onda para que se produza un cambio de réxime en España. Seguramente iso pasa porque en España non hai unha correlación de forzas para protagonizalo, pero con esa onda que vén de Catalunya pódese facer. A identidade española constrúese dende hai motio tempo en torno á soberanía española, en torno á que a soberanía só reside no pobo español. Quizais haxa que refundar ese patriotismo español cara a novos conceptos. Unha proposta de modelo federal ou confederal só é posible cunha boa proposta por parte de España, de radicalidade democrática e de cambio profundo no económico.

Neste momento un dos retos máis inmediatos son as eleccións europeas. En Galicia parte do debate centrouse na conveniencia ou non de concorrer xunto a forzas estatais.  Como o len dende ICV, tendo en conta por exemplo a súa relación con IU?
Nón non somos IU, rachamos con IU hai anos, pero estamos atopando comprensión en IU. O que non ten ningún sentido cando temos un contexto europeo no que temos que ir á construción de bloques para dobregar a troika é camiñar cara a un escenario de fragmentación. Por iso entendemos que debemos sumar. A nós encantaríanos unha suma con IU, coa Chunta Aragonesista, coa xente de AGE, coa xente de Compromis no País Valenciá... Algunhas desas realidades vanse sumar e temos que tentar sumar o máximo e por iso estamos en Galicia, onde nas últimas eleccións xurdiu algo distinto con dúas claves fundamentais: novidade e unidade, unidade e novidade. Con unidade non basta e con novidade só, tampouco. Algo novo permite emerxer cuns deputados e xa está, pero temos que nos quitar o medo a tentar gañar, porque a esquerda ás veces está moi cómoda na oposición… Galicia é unha experiencia de algo que funcionou e deberíamos ir cara a ese bloque.

Con todo isto, onde ve a Galicia, a Catalunya e a España en 10 ou 15 anos?

"Gustaríame unha España que se recoñecese en si mesma e iso precisa motores; un motor vai ser Catalunya e outro pode ser Galicia, porque aquí están a pasar cousas"

Hai varios escenarios. Un é o do estancamento da miseria no sur de Europa. Teñen un plan, cunha periferia de Europa na que se garantan salarios baixos e esa competitividade se basee nunha degradación das nosas vidas, pagar as débedas a costa de toda a nosa vida. Hai outro escenario, o de construír un polo distinto que eu creo que non pasa polo PSOE, porque a socialdemocracia tirou a toalla. E non só é un problema do PSOE, tamén o fixo o SPD en Alemaña, estao facendo Hollande en Francia, que o máis relevante non é que mude de moza, é a súa política de recortes. Temos que construír ese polo, e construíndoo temos que ir a un escenario de gran quita, como tivo Alemaña a finais dos 40, de renegociación da débeda e dunha democracia máis vigorosa. Pésame máis o optimismo da vontade que o pesimismo da razón, en termos de Gramscy. Hai que ser optimistas, porque senón vannos levar por diante. Pero á vez hai que combinalo con ideas, con organización. Gramscy tamén dicía iso de que “a indiferenza é o peso morto da historia”, hai que tirar de enriba o pasotismo, iso de que non se pode facer nada. Non é doado, pero só se pode facer con perspectiva de cambio.

Cando Tsipras perde as eleccións en Grecia eu falo con Stavros, o responsable internacional de Syriza, e me di que en tres meses o goberno vai caer por mor da gran mobilización da rúa. Tiña lóxica o que dicía, pero fun en setembro ao congreso de Syriza e a mobilización desaparecera. Porque ou hai expecatativa de cambio ou, por moi mal que esteas, o malestar convértese en resignación e sobrevives, como é lóxico. Mesmo nun escenario tan dantesco como o dos barrios de Atenas. Temos que crer nesa expectativa. E se o conseguimos, en Galicia, en Catalunya ou España podemos cambiar moitas cousas. A min gustaríame que, finalmente, houbese unha España que se recoñeza en si mesma, e iso precisa motores, e un motor vai ser Catlaunya. Pero outro pode ser Galicia, porque aquí están pasando cousas. Para iso fai falta unha política máis fraternal, a máxima francesa non é ningunha broma. E iso significa organizacións máis amables e a nova política facendo nova política, non vella política.

Joan Herrera CC-BY-NC Tornaveu

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.