Jorge Suárez: "Foi unha inxenuidade confiar en que se poden compartir áreas entre dúas forzas"

Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, no seu despacho CC-BY-SA Praza Pública

Hai un ano que Jorge Suárez é alcalde de Ferrol. Os resultados do 24M obrigaron a Ferrol e Común e PSdeG-PSOE a acordar un Goberno de coalición que foi complicando as súas relacións co paso dos meses. Un ano no que o novo executivo se esforzou nun cambio de fondo e de formas con respecto aos catro anos de goberno de José Manuel Rey Varela (PP). Un ano, ademais, de conflitos coma o que rodeou a anulación da taxa de saneamento trala constatación de que se cobrara por un servizo nunca realizado. Ou polos intentos aínda non completados de recuperación dos contratos de subministro eléctrico -atopando este grandes obstáculos- e de recollida do lixo.

Un ano, igualmente, de enfrontamento aberto coas administracións xestionadas polo Partido Popular, nomeadamente a Xunta de Galicia. E un ano, tamén, no que Ferrol acadou un maior protagonismo na política galega e estatal, embarcado na singradura compartida das autodenominadas cidades rebeldes. Falamos con el uns días antes da celebración das eleccións do 26X.

Un ano complicado. Máis do que esperabades ou estes obstáculos e problemas entraban dentro do previsto?

Non, a verdade é que foi todo máis complicado do que esperabamos. Aquí entras con certa inxenuidade, coa impresión de que vas cambiar o mundo nunha semana, pero entre as trabas administrativas do mero procedemento, o marco lexislativo e as circunstancias específicas de estarmos nun goberno de coalición cun partido que non acaba de decidir se é de centro, de centrodereita ou centroesquerda, pois as dificultades acaban por ser intensas. Pero creo que este ano serviu moito de aprendizaxe.

"Entre as trabas administrativas, o marco lexislativo e a circunstancia de estarmos nun goberno de coalición cun partido que non acaba de decidir se é de centro, de centrodereita ou centroesquerda, pois as dificultades acaban por ser intensas"

Arrepentídesvos agora da forma en que se pactou o Goberno co PSdeG-PSOE?

Si. Foi tamén unha inxenuidade confiar en que se poden compartir áreas entre dúas forzas. Forzas que si poden compartir un programa, porque as diferenzas a nivel municipal entre os programas de Ferrol en Común, PSdeG-PSOE e tamén o BNG son moi pequenas, son diferenzas de matiz. Pero outra cousa é o reparto de competencias, sobre todo cando levamos dous anos nun ciclo electoral continuo. O debate é algo natural na política e tamén o son os problemas, pero non deberiamos telos exteriorizado. Sobre todo cando estaban todos os medios agardando por carnaza, despois de que retirásemos milleiros de euros en subvencións aos medios locais.

"Hai dous gobernos e hai que aprender a convivir con iso e facer deses dous gobernos unha parella estable e asumir que iso non ten por ir en contra dos intereses da cidade sempre e cando se tomen decisións estratéxicas en conxunto"

Hai dous gobernos en Ferrol?

Si, creo que hai dous gobernos e hai que aprender a convivir con iso e facer deses dous gobernos unha parella estable, unha parella de feito que se leve ben, e asumir que iso non ten por ir en contra dos intereses da cidade sempre e cando se tomen decisións estratéxicas en conxunto e sempre e cando cada unha das áreas funcione ben. Iso si, o que debe haber é un único proxecto de cidade, e creo que iso si que existe.

Ides insistir na vosa proposta de que o BNG se incorpore ao Goberno?

Ese é o noso desexo. Queremos que Iván Ribas e Eva Espiñeira se incorporen ao Goberno local.

"Queremos que Iván Ribas e Eva Espiñeira se incorporen ao Goberno local"

Vai haber cambios en servizos sociais?

Cando xurdiu esta crise, para nós o máis importante era dar estabilidade para o resto do mandato. E iso acadouse dándolle máis competencias á xunta de goberno e creando unha comisión de seguimento. Creo que debe renegociarse o pacto e que hai áreas que deben ser redistribuídas. Pero non creo que neste debate deban entrar os grupos municipais, porque é sempre un debate áspero, e para iso creouse a comisión de seguimento, na que están tanto pola nosa parte coma pola súa persoas con moita experiencia, tanto como concelleiros e concelleiras coma como militantes.

"Creo que debe renegociarse o pacto e que hai áreas que deben ser redistribuídas. Pero non creo que neste debate deban entrar os grupos municipais"

Os Orzamentos está listos?

Si, están completamente listos. Falta apenas unha cuestión de persoal, que se dificulta por mor dun par de sentenzas xudiciais que anularon parte dos orzamentos de 2013 e 2014. Pero están listos para presentarse.

Está pendente aínda a construción de Ferrol en Común como organización política, dende a base? Este músculo social axudaría á propia xestión do Goberno municipal?

Si, é unha eiva importantísima e sería unha axuda moi grande para o traballo que facemos os seis concelleiros e concelleiras. Quen coñece Ferrol sabe que é unha cidade complicada, nos propios movementos sociais e de participación houbo enfrontamentos políticos e persoais que perduran e que dificultan este proceso. Falta tamén o relevo xeración, e boto en falta que se se incorpore xente de 25 a 40 anos, xente moi formada, pero que en ocasións non se ve atraída polo ambiente que percibe no interior do movemento.

"Deuse unha loita forte contra os procesos de privatización que se levaran a cabo neste concello"

Deixando á marxe ese problemas e dificultades polas que che preguntaba ao comezo, con que aspectos positivos quedas, con que decisión, con que medida concreta?

En primeiro lugar, creo que se deu unha loita forte contra os procesos de privatización que se levaran a cabo neste concello. Non entregamos o contrato do lixo, que estaba listo para que Urbaser o xestionase durante moitísimos anos. O mesmo co contrato de subministro eléctrico, que tamén estaba listo para entregar durante trece anos. En segundo lugar, ademais dun cambio de formas, que creo que é claro, e que serve para que a cidadanía sinta máis preto o goberno municipal, creo que se pode facer un balance positivo de cada unha das áreas. Fóronse adoptando medidas que pouco a pouco van amosando o que pode ser o noso proxecto, que debe avaliarse no conxunto dos catro anos e que lle vai dar un impulso á cidade.

En que estado está o conflito da xestión da auga e o saneamento?

Unha vez descuberta a fraude que se estaba a producir na EDAR, grazas á visita sorpresa que realizamos con dous enxeñeiros do Concello, agora hai que investigar en que foi investido todo o recadado pola taxa de saneamento, cuantificalo e ver a quen lle corresponde abonalo. Estamos dando pasos firmes, ademais, para a comarcalización deste servizo, o que vai abaratar moito o seu custe. Ferrol e Narón non deben ser tan localistas e deben colaborar, en beneficio da cidadanía.

"En canto teña un papel que avale que ese contrato eléctrico se pode revogar, fareino e estarei moi orgulloso. Agora ben, utilizar este tema para tentar adiantar pola esquerda dende o centrodereita non me parece o máis axeitado"

Que vai pasar con contrato eléctrico?

Os informes xurídicos que tiñamos sobre o estado en que o PP deixou ese contrato insinuaban que de non adxudicalo caeriamos en prevaricación e que ademais suporía unha indemnización millonaria para o concello. Polo tanto estabamos valorando outorgar ese contrato para evitar males maiores. Agora estamos revisando outro tipo de informes. Eu manteño o que dixen: en canto teña un papel que avale que ese contrato eléctrico -que supón 41 millóns de euros en 13 anos para as arcas municipais- se pode revogar, fareino e estarei moi orgulloso. Agora ben, utilizar este tema para tentar adiantar pola esquerda dende o centrodereita non me parece o máis axeitado.

"Se ao longo desta lexislatura podemos conseguir que o lixo e o saneamento estean xestionados conxuntamente por varios concellos, podemos ser unha referencia no país no que atinxe á xestión de servizos, evitando entregalos a mans privadas"

E co do lixo?

Paralizamos a concesión e no seo da mancomunidade estamos realizando un estudo para a xestión conxunta con Narón, que remata o contrato en 2017 e con Fene, que xa ten o servizo remunicipalizado. Se ao longo desta lexislatura podemos conseguir que tanto o lixo coma o saneamento estean xestionados conxuntamente por varios concellos, podemos ser unha referencia no país no que atinxe á xestión pública de servizos, evitando entregarllos a mans privadas.

Mellorou a relación coa administración galega e coa administración estatal?

O Goberno do Estado está en funcións dende hai moitos meses pero está sendo moito máis receptivo que a Xunta de Galicia. As denuncias públicas que fixemos tiveron efecto, e conseguimos que nos recibiran, pero mantendo unha actitude dogmática e desprezable: atopámonos varias veces con que antes de comezar a xuntanza xa tiñan preparada a nota de prensa cos seus resultados. Parece anecdótico, pero revela moito a situación.

"Imos utilizar todos os mecanismos legais, mesmo pola vía penal, para tratar de parar o que cremos que é un exemplo paradigmático do que é a corrupción e da connivencia do poder político e financeiro"

Que posición vai adoptar o Concello en relación con Reganosa, sobre todo se, como parece, o Goberno en funcións lles concede finalmente a autorización para operar?

Nós imos ir ata o final, apoiando a loita dos veciños e veciñas e dos mariscadores e mariscadoras que tanto levan traballado e sufrido. Imos utilizar todos os mecanismos legais, mesmo pola vía penal, para tratar de parar o que cremos que é un exemplo paradigmático do que é a corrupción e da connivencia do poder político e financeiro para asaltar os cartos públicos que saen dos impostos da cidadanía.

Que 4 ou 5 proxectos vos gustaría levar a cabo nestes tres anos que quedan de lexislatura, medidas que poden definir o voso Goberno?

En urbanismo, estamos pendentes de se nos adxudican o antigo Plan Urban; por suposto Ferrol Vello, onde vai comezar unha pequena reurbanización pois conseguimos que a xente poida rehabilitar as súas casas con financiamento dos ARIS; está Recimil, que necesita unha reforma integral, onde xa comezamos o proceso de regularización e imos poñer vivenda social a disposición da xente. É moi importante o Sánchez Aguilera, que pode ser un pulmón para Ferrol e converterse nunha oportunidade para compactar a cidade, unindo os seus barrios. En resumo, gustaríame ter dentro de tres anos unha cidade moito máis unificada, achegando os barrios de Santa Mariña e San Pablo.

"En materia de subvencións en Ferrol sempre se funcionou en base a que entidades estaban máis próximas a un goberno, eran máis afíns ou eran máis insistentes á hora de pedilas. Queremos mudar iso, para que o reparto sexa máis xusto e equitativo"

Temos outros proxectos que nos ilusionan moito, como o que queremos facer no centro comercial Porta Nova, que está totalmente baleiro. Aínda que a recomendación era entregalo a unha concesión  tipo El Corte Inglés, nós ímolo transformar nun espazo de coworking onde calquera persoa poida instalarse de forma completamente gratuíta, comezando alí o seu negocio ou actividade profesional no ámbito das novas tecnoloxías. Creo que pode ser unha boa ferramenta para impulsar a diversificación da actividade económica na cidade.

En Servizos Sociais, a iniciativa da renda social municipal da Coruña é o modelo a seguir. Creo que cun mesmo goberno aquí e na Xunta poderíamos darlle unha volta a todo o sistema social, para que calquera persoa teña o mínimo de subsistencia cuberto, sen tanta burocracia. E unha última cuestión: en materia de subvencións en Ferrol sempre se funcionou en base a que entidades estaban máis próximas a un goberno, eran máis afíns ou eran máis insistentes á hora de pedilas. Queremos mudar iso, para que o reparto sexa máis xusto e equitativo.

"Creo que temos que dar pasos atrás, temos que apostar polo comercio local e de proximidade. Eu quero ter unha cidade do século XXI; moito máis verde, máis peonil e sostible, unida por carrís-bici"

Como é o modelo de cidade que tes para o Ferrol das vindeiras décadas. Cara a onde debería camiñar? Como debe ser o Ferrol do futuro?

Aínda que soe chocante, creo que temos que dar pasos atrás, temos que apostar polo comercio local e de proximidade. Eu quero ter unha cidade do século XXI; moito máis verde, máis peonil e sostible, unida por carrís-bici. Creo que unha cidade que se poida camiñar fai das urbes algo máis alegre, máis vital. As cidades máis avanzadas transitan cara a ese modelo. Non se trata de grandes instalacións, trátase de que Ferrol teña unha mentalidade moderna, de autoestima, que a xente queira a súa cidade.

"As perspectivas para o naval son moi boas, tan boas, que corremos o risco de morrer de éxito, porque temos eivas de persoal importantes, con toda a xente que se xubilou e pola falta de formación das novas xeracións"

A nivel económico, Ferrol foi no último medio século un monocultivo industrial, moi dependente dos estaleiros. Agora as perspectivas son algo mellores, pero cómpre diversificar ese modelo?

As perspectivas de carga de traballo para o naval son moi boas. Tan boas, que mesmo corremos o risco de morrer de éxito, porque temos eivas de persoal importantes, con toda a xente que se xubilou e pola falta de formación das novas xeracións, que levan tempo sen traballar. Pero non podemos depender de que o naval estea ben ou mal para que a cidade vaia ao mesmo ritmo. Sen esquecer o naval, temos que optar por outros tipos de economía, promocionando o comercio local, temos que potenciar o sector primario, que é un dos grandes esquecidos en Ferrol, cando temos moitos exemplos de éxito, cooperativas como Covas Vexetal, que están exportando a todo o Estado. E apostar tamén polas pequenas iniciativas empresariais, sobre todo nas novas tecnoloxías.

Jorge Suárez, alcalde de Ferrol © EnMarea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.