Jorge Suárez pide un "verán invencible" para o "inverno eterno" de Ferrol

Jorge Suárez, rodedado de simpatizantes de Ferrol en Común, ás portas do Concello Dominio Público Ferrol en Común

"Hoxe comeza un novo tempo en Ferrol. A cidadanía decidiu que unha candidatura de unidade popular se puxese á fronte do goberno para, dende o común, artellar unha solución aos problemas que afectan aos seus dereitos máis esenciais: a vivenda, o traballo e mesmo o sustento". Así comezou Jorge Suárez a súa primeira intervención como alcalde da cidade, unha investidura posible grazas aos votos dos seis edís da súa formación, os seis do PSdeG-PSOE e os dous do BNG.

Como xa anticipara o propio Suárez este venres en conversa con Praza, o acto de investidura foi sinxelo e austero, "sen ningún tipo de ostentación, porque Ferrol é onde menos corresponde facelo, por mor da situación socioeconómica que vivimos”. “Aínda que comeza un novo ciclo, consideramos que tampouco é momento para celebracións ou grandes festas, e polo tanto non vai haber megafonía na praza nin evento festivo ningún”, dicía. En efecto, as únicas novidades introducidas foron a retirada da cerimonia de todos os símbolos relixiosos e o carácter "aberto" do evento, de entrada libre para toda a cidadanía e sen convites especiais a autoridades civís e militares. Tanto o Salón de Plenos coma o espazo habilitado -cunha pantalla- para seguir o acto ficaron pequenos e enchéronse por completo minutos antes do seu inicio.

En canto á investidura, ningunha sorpresa. Os concelleiros e concelleiras exerceron o seu voto cumprindo o xa anunciado. PP e Ciudadanos optaron polo xuramento ao tomar posesión, os edís do PSdeG-PSOE preferiron a promesa e os do BNG empregaron a fórmula do imperativo legal, que tamén foi seguida pola maioría dos representantes de Ferrol en Común (incluído o propio alcalde), optando dous deles por prometer.

"Recibo este bastón de mando como un máis, para entregarllo de novo á cidadanía"

Tralo tamén protocolario reconto das reservas financeiras da caixa municipal (6,5 millóns de euros), Jorge Suárez ofreceu o seu primeiro discurso como rexedor, no que repetiu algunhas das ideas-forza que marcaron a propia campaña de Ferrol en Común, comezando pola participación, a apertura do concello e a deliberación e codecisión por parte da veciñanza e as organizacións sociais: "Recibo este bastón de mando como un máis, para entregarllo de novo á cidadanía, para darlle un novo contido no que a democracia e a política recuperen os seus sentidos: democracia como poder do pobo e política como procura conxunta do ben común".

"Vivimos un novo tempo, no que a cidadanía non se resigna a depositar o seu voto unha vez cada catro anos", destacou, prometendo “un concello que abra portas e ventás, que sexa a casa do pobo, con acceso libre, onde a codecisión sexa un factor decisivo para priorizar o gasto onde máis se necesita”. Instou neste senso a "tecer redes, para que a indignación e a frustración se convertan en activismo e implicación na vida pública, para que as solucións políticas a problemas concretos sexan consensuadas entre representantes políticos e a veciñanza". Comprometeuse a "gobernar obedecendo" e evitar calquera tipo de "sectarismo político" ou "a defensa de posicións partidarias".

"Durante décadas a loita obreira e o activismo social foron buque insignia desta cidade, unha experiencia da que debemos facer bandeira"

A difícil situación social e económica que vive a cidade foi outro dos núcleos da súa intervención, botando man mesmo da súa experiencia vital: "A miña familia tivo que marchar desta cidade pola crise do sector naval. Décadas despois os mozos e as mozas de Ferrol seguen obrigadas a marchar", dixo, salientando que "o futuro da cidade depende desa mocidade, vítima desa hemorraxia que baleira Ferrol".

Apelou tamén á loita social e ao exercicio da "dignidade": "Durante décadas a loita obreira e o activismo social foron buque insignia desta cidade, unha experiencia da que debemos facer bandeira", dixo. Reclamou tamén "unidade" e "conciencia de comunidade" para "reclamar o que a Ferrol lle corresponde e se lle está a negar". Neste senso, Suárez enumerou algúns dos asuntos e demandas que de seguro marcarán a xestión do goberno que lidera: "carga de traballo para os seus estaleiros públicos punteiros, infraestruturas e servizos ferroviarios que nos afasten do século XIX, saneamento integral da ría, unha cidade aberta ao mar, espazos verdes para unha cidade compacta e a recuperación dos terreos propiedade do Ministerio de Defensa".

Beatriz Sestayo afirmou que "hoxe é un día trascendente para o cambio, un cambio necesario, un cambio ao que nos comprometemos para recuperar esta cidade"

Na súa intervención dedicou palabras aos demais grupos con representación municipal, agradecéndolle ao alcalde saínte José Manuel Rey Varela, a "cordialidade no traspaso de poderes", destacando o apoio do BNG, de quen espera "unha oposición construtiva" e "atoparse en moitos espazos e reivindicacións" e subliñando a "lealdade e boa disposición no PSdeG-PSOE, que sempre apostou por un goberno de cambio". Neste senso, a líder socialista, Beatriz Sestayo, afirmou que "hoxe é un día transcendente para o cambio, un cambio necesario, un cambio ao que nos comprometemos para recuperar esta cidade".

"Debemos ter humildade e firmeza" para facer "rexurdir esta cidade e tamén esta institución, recuperando os servizos públicos", dixo

"Debemos ter humildade e firmeza" para facer "rexurdir esta cidade e tamén esta institución, recuperando os servizos públicos" -concluíu Jorge Suárez- "Debemos ter valentía para enfrontarnos a eses monstros que devoran os nosos recursos públicos". O novo alcalde da cidade pechou o seu discurso citando a Albert Camus, que escribiu “no máis cru do inverno aprendín que dentro de min hai un verán invencible”. "Esta cidade leva un inverno eterno e, dende logo, merece un verán invencible", sinalou.

Jorge Suárez, rodedado de simpatizantes de Ferrol en Común, ás portas do Concello Dominio Público Ferrol en Común
O espazo habilitado para seguir o pleno en Ferrol ficou pequeno Dominio Público Praza Pública
Jorge Suárez, ocupando xa o seu lugar como alcalde de Ferrol Dominio Público @AnngelGR

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.