Jorge Suárez, ratificado como candidato de Ferrol en Común

Asemblea de Ferrol en Común, o pasado 28 de marzo Dominio Público Ferrol en Común

Ferrol en Común celebrou este xoves as súas primarias de cara a configurar a lista coa que a candidatura, impulsada por Esquerda Unida, Anova e o grupo de inscritos e inscritas en Podemos na cidade, concorrerá ás eleccións do 24 de maio. Só había un candidato á alcaldía -Jorge Suárez, que previamente fora o máis votado nas primarias de Esquerda Unida- e unha lista, polo que a votación serviu para ratificar esta lista. Ao longo de todo o día pasaron polo Ateneo Ferrolán 213 persoas, que exerceron o seu voto, ao redor do 57% das previamente inscritas apoiando Ferrol en Común.

213 persoas exerceron o seu voto, ao redor do 57% das previamente inscritas apoiando a candidatura

Na lista, despois de Jorge Suárez, aparece a economista Eugenia Freire Fajardo (independente), o portavoz de Anova Álvaro Montes, a funcionaria María Teresa Riveira, o coordinador local de EU Suso Basterrechea, e Esther Leira (Anova). No resto da candidatura atopamos a Luis Miguel Victoria (mestre industrial), Saínza Ruiz (fisioterapeuta, EU), Manolo Castro (psicólogo no hospital Arquitecto Marcide), Isabel Domingo (programadora cultural), Miguel Castro Serantes (mestre) e Marián López Romalde (directora do CEIP San Xoán de Filgueira).

Xa en posicións de carácter simbólico, completan os 25 nomes aprobados persoas coma Javier Galán, actual voceiro de EU no Concello, Sari Alabau (histórica militante de EU), Carmen Parada ou Xosé Xermán Lastra (ambos os dous de Anova e que foran concelleiros co BNG de Xaime Bello). Tamén algúns dos inscritos en Podemos, coma Carlos del Río ou María Xosé Pérez ocupan algúns dos últimos postos da lista, despois de salientar que non estaban interesandos en ocupar postos de saída.

A Marea Ártabra celebrará este domingo a súa Asemblea Xeral Extraordinaria, para aprobar a súa lista electoral

A lista fora presentada o pasado mércores polos integrantes do comité electoral da formación, encabezado por Carlos del Río (Podemos), que destacou que se trataba dunha "candidatura potente, cohesionada e representativa de todos os colectivos e sectores". Montse González salientou que estaban "ante a oportunidade de recuperar Ferrol".

 

Marea Ártabra

Pola súa banda, a Marea Ártabra celebrará este domingo a súa Asemblea Xeral Extraordinaria, para aprobar a súa lista electoral municipal. Será no local electoral da formación (rúa Rochel, 14), ás 11.30 horas. Finalmente non houbo acordo entre as dúas plataformas para presentar unha candidatura de confluencia. A Marea Ártabra celebrou hai dúas semanas as súas primarias, escollendo a José María Hernández Roca como candidato á alcaldía.

Asemblea de Ferrol en Común, o pasado 28 de marzo Dominio Público Ferrol en Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.