Jorquera acusa a Feijóo de comportarse coma un "frío contable” ante os dramas persoais da crise

Acto do BNG en Tomiño © BNG

Francisco Jorquera acusou este venres a Feijóo de comportarse como un “frío contable” ante os dramas persoais produto da crise en vez de como un verdadeiro presidente da Xunta. Foi en Tomiño nun mitin no que o candidato do BNG afirmou que a solvencia consiste "en loitar contra o paro, loitar contra a crise e nestes asuntos Feijóo é un presidente insensíbel co drama que estamos a vivir, non hai tal solvencia”.

“Moi locuaz si pero mentiu sobre as contas públicas, mentiu sobre as listas de espera e sobre o caso dramático da persoa enferma de cancro que agarda por unha operación en Ourense”

Jorquera tamén criticou a “locuacidade” demostrada por Feijóo durante o debate na TVG do pasado mércores pero só á hora de "mentir": “moi locuaz si pero mentiu sobre as contas públicas, mentiu sobre as listas de espera e sobre o caso dramático da persoa enferma de cancro que agarda por unha operación en Ourense”. En cambio o candidato nacionalista criticou o "silencio" do lider do PP en Galicia sobre as declaracións de Castelao Bragaña: "aínda estamos agardando a que expulse do seu partido a Castelao Bragaña, un señor que se atreveu a dicir que as leis son para violalas, como as mulleres, unha auténtica barbaridade que é auténtico terrorismo machista”.

Para o candidato nacionalista, o 21 de outubro ábrese en Galicia a dobre oportunidade de frear a Feijóo e tamén a Rajoy, "para que non conte co aval que o lexitime para seguir aplicando brutais recortes"

Para o candidato nacionalista, o 21 de outubro ábrese en Galicia a dobre oportunidade de frear a Feijóo e tamén a Rajoy, "para que non conte co aval que o lexitime para seguir aplicando brutais recortes".

Jorquera denunciou que o programa de Feijóo "xa se coñece": "unha Galiza sumisa e obediente a Madrid e a novos recortes, como en Portugal e Grecia, “por iso Galiza precisa abrir unha nova etapa, da man do BNG, que aposte entre outras medidas por un banco público e unha nova política fiscal”. O candidato do BNG concluiu dicindo que "o cambio real que precisa Galiza tamén implica rexenerar a democracia e afortolar o autogoberno pois fronte aos que falan de que prioridade é buscar unha saída social á crise eu digo que autogoberno e saída xusta e social á crise son caras da mesma moeda”.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.