Jorquera acusa a Feijóo de "volver mentir" no debate mentres apela ao espírito de Nunca Máis

Acto do BNG deste xoves © BNG

"Dez anos despois, podería volver acontecer outro Prestige". Francisco Jorquera animou este xoves á cidadanía a acudir á mobilización que se celebrará na Coruña o vindeiro día 16 con motivo do inicio do xuízo pola catástrofe para berrar contra a impunidade e reclamar que se depuren responsabilidades. "O Estado segue sen tomar en serio a seguridade das nosas costas", asegurou o candidato do BNG á presidencia da Xunta, que aclarou que "malia que se conseguiron avances grazas á presión social de Nunca Máis e política do Bloque", a seguridade e prevención nas costas galegas "sufriu moitos retrocesos".

Así, solicitou "a transferencia a Galiza das competencias marítimas" no ámbito da prevención e de salvamento marítimo porque "no mar de Galiza deben mandar os galegos". Do mesmo xeito, pediu, nunha reivindicación xa histórica, "mellorar o control do tráfico marítimo, instaurar o control por satélite no corredor de Fisterra e evitar a privatización" que, segundo denuncia o BNG, está a levar a Xunta no salvamento marítimo galego.

"Para evitar outro Prestige, precisamos máis autogoberno"

Jorquera lembrou que hai agora dez anos, durante a catástrofe, "o Goberno galego nin foi goberno nin foi galego" e aclarou que "foi o pobo quen defendeu as costas", polo que chamou á manifestación do día 16 "apelando ao espírito cívico" que se resumiu nas mobilizacións de Nunca Máis e na loita da sociedade contra o chapapote. "Para evitar outro Prestige, precisamos máis autogoberno", reivindicou oo candidato do BNG, que aludiu ao lema de campaña da fronte: "Gobernemos nós tamén o noso mar". "Digamos nunca máis á marea negra do centralismo e á marea negra da incompetencia", manifestou nun acto na Coruña con motivo do décimo aniversario da maior catástrofe medioambiental de Galicia.

"Satisfeito" do debate con Feijóo

En canto á súa participación no debate electoral con Núñez Feijóo do pasado mércores, Francisco Jorquera cre que o candidato conservador demostrou "non ter balance de xestión para expoñer", o que lle levou a "falsear todo". Ademais, acusouno de "volver mentir" ao negar a existencia dun informe do Consello de Contas que o acusa de desviar 411 millóns para cadrar o déficit, e no caso do enfermo oncolóxico de Ourense.

"O informe existe aínda que estea pendente do período de alegacións", asegurou o número un da lista do BNG, que se amosou "moi satisfeito" da súa participación nun debate que cualificou de "moi intenso". Ademais, asegurou  que "case" non puidera durmir ante ás continuas chamadas de felicitación recibidas. 

"A sociedade galega puido constatar que existe un proxecto alternativo e que vai ser decisivo para o vindeiro 21 de outubro", insistiu Jorquera, que cre que Feijóo non respondeu á súa pregunta de se ía expulsar a Castelao Bragaña, polas súas graves palabras contra as mulleres, "porque non ten pensado expulsalo".

 

Acto do BNG deste xoves © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.