Jorquera chama a mocidade a "votar rebelde, votar BNG"

Jorquera, nun mitin electoral do BNG CC-BY-NC-SA BNG

"Votar rebelde, botar BNG", é o "chamamento" que o candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, lle lanza á mocidade galega de cara ás eleccións do 21 de outubro. O cabeza de cartel do Bloque aproveitou o mitin central da formación nunha das comarcas máis castigadas polo desemprego no país, a de Ferrolterra, para debullar os "demoledores" datos divulgados este martes polo Instituto Nacional de Estatística a respecto da emigración. "Cada mes marchan de Galiza dous mil mozos de entre 20 e 34 anos", lamenta, nun contexto no que o "proxecto" que apira a trasladar ao Goberno galego "non se pode construír sen a mocidade", porque "non hai país que poida ter futuro se a súa xente nova emigra".

Neste contexto Jorquera deixou no ferrolán teatro Jofre a promesa de desenvolver unha das reclamacións históricas do BNG: "un plan plurianual de emprego xuvenil" que se incorpore coa incorporación de "máis investigadores ao sistema galego de I+D+i". Estas accións, asegura, combinaraas a formación frontista dende a Xunta con outras vinculadas a sectores produtivos como o do naval. "Temos un proxecto de país, temos ideas e temos propostas para sacar Galiza adiante e reconducir a situación de ruína á que nos conduciu Feijóo", proclama.

Jorquera lembra o Prestige para exemplificar "o que vale a palabra dos cargos do PP"

Mentres noutro punto da cidade o candidato á reelección celebraba tamén un acto de partido Jorquera ironizaba coa diferenza entre ambas convocatorias: "Nós facemos un mitin para presentarvos o noso programa, Feijóo fai un mentín" porque "é o que acostuma facer cando se achega un período electoral". Isto aconteceu, exemplifica, coa "promesa do dique flotante" ou de "carga de traballo para Navantia". "Hoxe máis ca nunca, que comeza o xuízo do Prestige, sabemos do valor da súa palabra" e da dos demais "cargos do PP", asegura. Ademais, agrega, "unha comarca como a de Ferrolterra sabe ben de que se se está a falar" ao referirse a "demolicións Feijóo" e a "Feijóo mentirán", porque "un dos principais motores económicos da zona está totalmente parado a causa das políticas da Xunta, do Estado e de Bruxelas".

Neste sentido, Jorquera reivindica que "Galiza é un país risco que só precisa dun goberno que o poña a producir". "No BNG defendemos que sexamos nós os que gobernemos os nosos recursos e poidamos decidir en Bruxelas sobre todos aqueles asuntos que nos afectan directamente, como todo o que ten a ver co naval". Ademais desa asunción de competencias, di, se o BNG chega ao Goberno "fará cumprir a Lei do Sector Naval", aprobada por iniciativa popular no Parlamento "pero que o PP nunca desenvolveu". Ademais, promete, o Bloque traballará para levantar o veto á construcción civil en Navantia-Fene e teimará para a construcción do dique flotante".

Un intre do mitin do BNG en Ferrol CC-BY-NC-SA BNG
Vista do mitin CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.