Jorquera: "Feijoo méntelle á sociedade galega para tentar reter o goberno"

Francisco Jorquera, durante un acto do BNG © BNG

O Consello Nacional do BNG celebrou este sábado a súa primeira reunión despois do verán, cun protagonismo absoluto para Francisco Jorquera, candidato da formación á Presidencia da Xunta. Jorquera cargou contra Alberto Núñez Feijoo, ao que acusou de ocultar o seu programa real para tentar "reter o poder", como -dixo- fixera Rajoy o pasado ano para gañar as eleccións xerais. E afirmou que “en política, non se pode gobernar sempre sustentándose na mentira, aínda que esta se parapete nun inmenso muro de propaganda”.

Jorquera advertiu que os tres anos de Goberno de Feijoo levaron a que Galicia "decreza máis que a media estatal", a que "nunca na historia de Galiza houbera tantas persoas sen traballo", ou a que "a débeda pública pasara de 3.200 a 8.000 millóns de euros”. Asi mesmo, acusou o líder popular de ser "cómplice dun goberno que tolera o roubo das preferentes mentres entrega 4.500 millóns a Bankia”. Finalmente, cualificou a Feijoo como "o pior presidente que tivo Galiza”. Por ese motivo retou a Feijoo a "debater" con el, e a poñer cartas arriba os resultados reais da súa xestión.   

Para Jorquera, Galicia “non necesita unha simple alternancia de goberno"

En contraposición, defendeu que o BNG será "un dique fronte ás desigualdades e a inxustiza, fronte ao centralismo e a perda de democracia, que impulse a economía produtiva para crear emprego" e reclamou que “Galiza non necesita unha simple alternancia de goberno, que foi a que houbo en Madrid cando gañou Rajoy”, apostando por un Goberno liderado polos nacionalistas.  O candidato nacionalista concluíu a súa intervención facendo un chamamento “a transformar o descontento social maioritario en enerxía alternativa" que, defendeu, está representada polo BNG "para facer posíbel o cambio real que Galiza necesita”.

Francisco Jorquera, durante un acto do BNG © BNG
Outra imaxe do Consello Nacional celebrado este sábado © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.