Jorquera: "Feijóo ofrece unidade pero a dereita nunca estivo tan dividida"

Jorquera, coa candidatura do BNG por Ourense CC-BY-NC-SA BNG

"Ademais de non poder ofrecer un balance de xestión das contas públicas, agora está quedando tamén sen argumentario de campaña". Como Manuel Fraga na súa derradeira campaña electoral galega, o actual presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, está a apoiar boa parte das súas mensaxes electorais nos, ao seu xuízo, riscos que implica unha perda da maioría absoluta do PP, como "desgoberno" e "divisións" do país. A principal diferenza entre aquel contexto e o actual é que, ao tempo, no seo da dereita estanse a producir tamén movementos intestinos. Esta circunstancia foi aproveitada este martes polo candidato do BNG, Francisco Jorquera, para dubidar da "unidade" que garante o líder conservador: "nunca se dera unha división da dereita como a que se dá agora", afirma.

No marco da presentación da candidatura nacionalista por Ourense Jorquera non observa "estabilidade" ningunha arredor do PP. "Xa vistes; a dimisión de Esperanza Aguirre, a algúns ex altos cargos do PP apoiando a Mario Conde ou os líos en Ourense con Baltar", exemplificou ante os membros da lista do Bloque ourensán. "Feijóo ten un grave problema", asegura Jorquera, e non só polas diverxencias internas, senón porque estas se suman ao "libro en branco" que, ao seu xuízo, constitúe o seu balance de xestión, con fitos como a "multiplicación" da débeda pública dende 2009. "Non foi quen de dar resposta a ningún dos principais problemas" e, ao tempo, "bateu récords de parados" e "situou os principais sectores produtivos do país nunha situación de crise sen precedentes", asegura.

Paga extra do funcionariado en Pontevedra

O Concello de Pontevedra xa acadou unha "fórmula" para compensar o recorte da paga de nadal ao persoal público

Este panorama contrasta, para o nacionalista, coas decisións que está adoptar o BNG nas institucións nas que goberna, caso por exemplo do Concello de Pontevedra, evitando a "supresión da paga extra de nadal para os funcionarios". Neste sentido o Bloque anunciaba este martes que o goberno municipal que dirixe Miguel Anxo Fernández Lores xa acadou unha fórmula" para compensar o recorte da paga extra de nadal para o persoal público decretada polo Goberno central. Esta iniciativa, aseguran os nacionalistas suporá "aliviar" a "grave ameaza para o comercio lcaol" que supón "reintegrar 760.000 euros na economía da cidade".

"Durante estes meses -explica o BNG nun comunicado- os concelleiros de Facenda e Persoal consensuaron cos representantes sindicais e os técnicos municipais esta fórmula coa que se intenta mitigar os recortes do PP". Esta operación, asegura, cont aademais cun informe "positivo" da Intervención Xeral do Concello.

Jorquera, coa candidatura do BNG por Ourense CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.