Jorquera iguala a Feijóo con Rajoy, que "só coñece a Galiza da praza de touros de Pontevedra"

Un intre do mitin de Jorquera en Vilagarcía CC-BY-NC-SA BNG

Este sábado Mariano Rajoy debuta na campaña electoral galega. E faino cun mitin que o PP emprega a xeito de talismán dende 2009, cando os conservadores lograron encher a praza de touros de Pontevedra en apoio a Alberto Núñez Feijóo. Dende aquel día, en cada cita coas urnas os populares repiten escenario con Rajoy á fronte. Tamén o fan nesta campaña, na que a presenza do xefe do Goberno central non resulta de todo cómoda para os estrategas de campaña de Feijóo. Todas estas circunstancias foron empregadas este venres polo candidato do BNG á Presidencia, Francisco Jorquera, para quen a aparente separación entre Rajoy e Feijóo non existe, xa que votarlle a un é apoiar ao outro, afirma.

Jorquera convida a Rajoy a "patear o país"

"Votarlle a Feijóo é darlle un cheque en branco a Rajoy para que baixe as pensións, os salarios e as prestacións por desemprego, para que sigan pagando a crise os de sempre", advertiu o nacionalista durante un mitin en Vilagarcía, no que tamén lembrou os eloxios reiterados do titular do Goberno de España á xestión da Xunta do PP. "Rajoy veunos dicir que grazas a Feijóo, Galiza capeou a crise mellor ca ninguén". "Eu pregúntolles, a quen llelo din?", cuestiona Jorquera, convencido de que esa afirmación do conservador obvia, por exemplo, "aos milleiro de parados" que chegaron aos rexistros de desemprego durante esta lexislatura, aos "gandeiros que pecharon as súas explotacións" ou ás "máis de 5.000 pemes" que botaron o cerrollo. "Que Galiza coñece Rajoy? A da praza de touros de Pontevedra?", pregúntase, convencido de que ao protagonista do acto do PP deste sábado lle falta "patear o país".

"Concentrar o voto"

É neste contexto, de "afogamento da economía" e tamén de "reestruturación evidente do Estado" no que Francisco Jorquera non cre que "o peor presidente da historia da Xunta, un presidente inimigo do público e do pobo", mereza "unha segunda oportunidade". "Demolicións Feijóo", alcuma, non debe continuar catro anos máis en San Caetano e por iso chama a "concentar o voto nacionalista e de esquerdas no BNG". Para Jorquera a enquisa do CIS publicada o propio venres "demostra" que as eleccións "se van xogar por moi poucos votos" e a "chave" vai estar "en non dividilos". "O PP sabe que se o voto se concentra no BNG; ten as eleccións perdidas", conclúe.

Un intre do mitin de Jorquera en Vilagarcía CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.