Jorquera insta a Feijóo a aclarar se pactaría con Mario Conde

Francisco Jorquera CC-BY-NC-SA BNG

As peticións de explicacións sobre posibles pactos mudan de bando ou, cando menos, esténdense. Mentres o PP mantén como un dos seus eixos de campaña a alerta contra o "desgoberno" que, segundo os conservadores, reinaría en Galicia se perden a maioría absoluta, o candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, apostou este mércores por explorar nunha das maiores preocupacións do partido que aspira á reelección: a participación do ex banqueiro e ex convicto Mario Conde nos comicios baixo a marca Sociedad Civil y Democracia. Jorquera recolleu a mensaxe emitida por Feijóo en días pasados, segundo a cal "non levaría a un señor como Mario conde nas súas listas". "Pero non aclara se estaría disposto a pactar con el", lamenta.

Jorquera lembra que "hai numerosos ex altos cargos do PP" que veñen de sumarse ás listas de Conde

No marco da presentación da candidatura do Bloque por Lugo o cabeza de cartel dos nacionalistas aproveita ademais as reticencias do PP a posicionarse sobre Conde -o pasado luns o voceiro popular, Antonio Rodríguez Miranda, esquivou varias preguntas sobre o tema- para abondar no feito de que nas listas do partido do condenado polo caso Banesto hai "numerosos ex altos cargos do Partido Popular". Polo tanto, argumenta, Feijóo debe ser "claro" e dicir "se estaría disposto a pactar". Esta eventual alianza sería, en opinión de Jorquera, "unha expresión do que está pasando nos últimos tempos", a "alianza da dereita cos banqueiros de casino".

O PP "non merece unha segunda oportunidade

Jorquera lánzalle esta pregunta a Feijóo nun contexto no que, ao seu xuízo, quen se "comportou estes anos" como "un delegado de Rajoy en Galiza" non "merece unha segunda oportunidade" á fronte do Goberno galego. "Por primeira vez, e sen que sirva de precedente" o candidato nacionalista está "de acordo" co actual presidente, que nunha entrevista afirmou "que nestas eleccións hai que xulgar só o seu balance de Goberno". Neste caso a resultante da avaliación sería "un cero patatero", ironiza.

Con todo, o nacionalista cre conveniente que o 21-O se xulgue o conxunto da política do PP malia que Feijóo "fuxe de Rajoy" ante os comicios. Isto, di, debe facerse porque as "políticas da dereita, baseadas só na austeridade e nos recortes brutais", só "traen consigo máis recortes e máis depresión da economía". Neste sentido, Jorquera ve o Goberno de España a "preparar o terreo para facer pasar como normal o segundo rescate", unha operación sobre a que nos últimos días, advirte, "o presidente do Eurogrupo advertiu de que vai traer consigo condicións durísimas". "Feijóo, non obstante, aínda non se pronunciou", conclúe.

Francisco Jorquera CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.