Jorquera: "Non é posible unha saída xusta á crise se non se avanza cara á soberanía"

Francisco Jorquera, na súa intervención en Ourense © BNG Ourense

O candidato do BNG, Francisco Jorquera, centrou a súa intervención deste sábado en Ourense na reivindicación dun modelo de "concerto económico" para Galicia de xeito que a comunidade "poida xestionar de forma integral todos os seus recursos fiscais". O acto tiña como obxectivo presentar as propostas nacionalistas sobre soberanía, tanto no ámbito político, como económico, coma noutros eidos coma o que ten que ver coa alimentación.

Neste senso o candidato do BNG avogou por avanzar na “soberanía” de Galicia mediante a reclamación de novas competencias en asuntos "básicos para entender as necesidades do pobo galego” como por exemplo "a participación directa de Galicia en Europa sempre que se traten asuntos que afecten as súas competencias ou intereses". Puxo como exemplos de que "se poden facer outras políticas a Quebec, Escocia, Euskadi e Catalunya e afirmou que é a través do BNG que Galicia avanzará na súa soberanía.

Jorquera propuxo a creación dunha banca pública galega e pediu tamén unha reforma da estrutura política e administrativa do país "que se adecúe á realidade e suprima institucións obsoletas e caducas como as deputacións provinciais”.

De igual xeito a candidata do BNG pola provincia de Ourense, Tareixa Paz, afirmou que "necesitamos soberanía política para defender ás labregas, para defender o naval e para poder defender ao pequeno comercio". Paz tamén declarou que "ningún democráta debería oporse a que Galiza exerza o seu dereito á autodeterminación".

"Non é posible unha saída xusta á crise se non se avanza cara á soberanía"

Jorquera afirmou que "non é posible unha saída xusta á crise se non se avanza cara á soberanía". A este respecto asegurou que "non é de recibo" que o futuro da agricultura, a pesca ou o naval “dependa do que se decida en Bruxelas e Madrid". E concluíu que "nunca foi tan evidente que a ausencia de soberanía conduce á ausencia de democracia e que as decisións se tomen en ámbitos que non emanan da vontade dos pobos e que serven aos ditados dos poderes económicos". Jorquera incidiu en que o modelo do PP conduce a menos democracia e máis centralismo, un elemento neceario "para a destrución das políticas sociais" que exercen as comunidades autónomas.

Francisco Jorquera, na súa intervención en Ourense © BNG Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.