José Bové apoia en Vigo a candidatura de Ana Miranda para as europeas

José Bové, con Ana Miranda e Xavier Vence, este xoves en Vigo © @carmeadan

José Bové, histórico líder agrarista francés, e activista antiglobalización, estivo este xoves en Vigo para apoiar a campaña de Ana Miranda e o BNG para as eleccións europeas do 25 de maio. Bové, candidato do Grupo Verdes/ALE á presidencia da Comisión Europea, participou na manifestación central da CIG neste 1º de maio, xusto despois de ofrecer unha rolda de prensa coa propia Miranda.

"Sempre que estivo alí, defendeu a Galicia en todo momento, para defender tamén unha visión global a partir da experiencia propia, nacional"

Bové destacou o traballo realizado por Ana Miranda no Parlamento europeo: “Estivo presente tanto nos plenarios como nas comisións do Parlamento Europeo, tanto en Bruxelas como en Estrasburgo e isto é moi importante porque hai moitos eurodeputados ausentes, Ana sempre estivo alí de luns a venres, a tempo completo, como ten que ser". Engadiu que "sempre que estivo alí, defendeu a Galicia en todo momento, para defender tamén unha visión global a partir da experiencia propia, nacional, unha persoa con raíces na súa convicción e no combate e por iso cando me pediu vir aquí, eu dixen que si, sen pensalo dúas veces porque o seu traballo é exemplar”.

Pola súa banda, Miranda salientou o compromiso e o traballo de José Bové "na defensa dunha Europa social e dos pobos", un modelo de Europa "pensada para as persoas e non cos bancos, que non sucumba aos poderes dos lobbies, contra os que o líder campesiño loitou sempre". “Xuntos combatemos os lobbies en Europa, e un gran experto, acaba de publicar un libro no que demostra como señores como Arias Cañete, candidato do PP, son capaces de facer lobbie en Bruxelas coas súas empresas e cos terratenentes e apoiar un modelo agrario e social europeo que nós combatemos”, explicou Miranda.

Miranda salientou que o BNG, integrado no Grupo Verdes/ALE, é a antítese do actual modelo europeo, antidemocrático e antisocial, e das políticas da Troika. “Nós representamos ao pobo galego, en particular aos 300.000 parados e paradas e aos 653.000 en risco de exclusión social”.

Miranda salientou o compromiso e o traballo de José Bové "na defensa dunha Europa social e dos pobos", un modelo de Europa "pensada para as persoas e non cos bancos, que non sucumba aos poderes dos lobbies"

Na rolda de prensa Bové demandou que "debería haber tribunais nos que se xulgue a xefes de Estado polas súas responsabilidades", en referencia aos prexuízos causados á maioría da poboación pola aplicación de políticas de austeridade. Neste senso denunciou que estas medidas "lle quitan á xente o pouco que ten, mentres outros se enriquecen impunemente". “A austeridade é unha resposta política dos Estados á crise provocada pola banca co obxectivo de rescatar a esta banca a costa de reducir os orzamentos sociais, en sanidade, pensións e todo iso acompañado dun aumento do desemprego. Incluso os economistas do FMI admiten que non é a solución”, denunciou. Engadiu que é "inadmisible que os Estados non asuman as súas responsabilidades directas na crise e sempre recorran á UE como o chibo expiatorio". Bové criticou, así mesmo, o financiamento da banca con cartos públicos, e avogou por unha fonda "reconversión enerxética" e por unha "revisión do modelo económico actual, que habería que repensar dende cero".

O líder agrarista defendeu "a Europa dos territorios e da diversificación" fronte á Europa dos Estados, e subliñoi o "fracaso do actual modelo estatal e intergobernamental"

O líder agrarista defendeu "a Europa dos territorios e da diversificación" fronte á Europa dos Estados, e subliñou o "fracaso do actual modelo estatal e intergobernamental". Tamén se referiu ao ascenso do euroescepticismo, por exemplo en Francia; cualificouno de "nacionalchovinismo puro" e sinalou que se trata dun "voto inútil como protesta".

 

Traballo conxunto no debate da PAC

Bové e Miranda defenderon unha Política Agraria Común pensada “para os que viven traballando a terra e non para os rendistas da terra”

Bové e Miranda compartiron grupo parlamentario na Eurocámara, o Grupo Verdes/ALE, na presente lexislatura. O francés exerceu como portavoz na defensa da proposta do Grupo Verdes/ALE para unha Política Agraria Común (PAC) pensada “para os que viven traballando a terra e non para os rendistas da terra”, destaca o BNG, "en coincidencia coas propostas formuladas por Ana Miranda". Entre as iniciativas defendidas por ambos, destacan a de "vincular as axudas da PAC á produción e non ao número de hectáreas das explotacións para apoiar aos pequenos e medianos produtores en contra dun sistema que prima aos grandes terratenentes e aos consorcios económicos do agronegocio”. De igual xeito, ambos os dous realizaron propostas destinadas "a garantir uns prezos mínimos aos produtores, rendas xustas, a continuidade do sistema de cotas leiteiras, ou as axudas para fomentar a incorporación de xente nova ao rural".

José Bové, con Ana Miranda e Xavier Vence, este xoves en Vigo © @carmeadan

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.