"Lalín é un exemplo de liberdade, modernidade e boa xestión; volvemos estar en primeira liña"

Rafael Cuíña, alcalde de Lalín e candidato de CxG © Compromiso por Lalín

Logo de dar a sorpresa en 2015 e desbancar o PP, o seu antigo partido, tras 24 anos de maiorías absolutas de Xosé Crespo, Rafael Cuíña é o agora o favorito a repetir na alcaldía de Lalín. O goberno local vén de deixar en cero a débeda dun Concello que, presume o seu rexedor, "é exemplo de liberdade, modernidade e boa xestión" e referente para un partido, Compromiso por Galicia, que non acaba de prender en Galicia, a cuxa política o alcalde lalinense non descarta dar o salto en catro anos. 

Como leva a campaña?

Está a ser unha campaña moi activa, na que a xente se está a mover moito porque Lalín non é unha praza calquera e hai quen a quere mater e quen a quere recuperar. É, malia que eu son republicano, unha especie de Xogo de Tronos. Temos grandes esperanzas en que as cousas vaian ben polo traballo feito, pero verémolo. 

As enquisas e os prognósticos políticos parece que lle garanten recuncar na alcaldía...

Non perdo moito tempo con estas cuestións porque hai catro anos as enquisas dábanme un concelleiro e finalmente sacamos seis. Fíome máis das percepcións. É certo que, por exemplo, en Lalín é moi común iso de facer porras nos bares, e no caso das das eleccións, o 90% delas dannos como principais candidatos a ocupar a alcaldía. Pinta ben, pero non me fío nada. 

"Non perdo moito tempo coas enquisas, que hai catro anos dábannos un concelleiro e sacamos seis; fíome máis das percepcións, pero pinta ben"

Sempre presumiu da boa relación que mantiveron no goberno local os diferentes partidos que o conformaron, dálle iso unha vantaxe de cara a estas eleccións?

Creo que o traballo que fixemos á fronte da alcaldía deberíase ver reflectido nun maior apoio ao noso grupo. Dito isto, o goberno local está formado por un cuatripartito e eu creo que nas vindeiras eleccións poderá chegar con menos actores. Con todo, a relación que mantivemos as catro forzas sempre foi moi boa e mesmo é posta como exemplo noutros lugares, algo que é moi importante e motivo de orgullo. 

Compromiso por Galicia é unha forza galega, pero ten poucos referentes máis que a súa alcaldía ou algún outro grupo local, que falla para que esta forza non calle no país?

Compromiso por Galicia está a facer un bo traballo, aínda que estou algo á marxe da vida do partido a nivel galego. Intento participar en actos de compañeiros doutras localidades pero téñome que desculpar moitas veces por falta de tempo. Sexa como for, o partido bateu récord de candidaturas presentadas para estas municipais e teño esperanza de que, nalgún momento, se dea coa tecla para o país tamén. 

Rafael Cuíña, no centro, con integrantes do seu partido © Compromiso por Lalín

O PNV é a súa referencia e mesmo o seu aliado nas europeas, pero...

É moi importante para nós. Que unha forza como o PNV, que para min son unha referencia, un exemplo de defender ben a súa terra, teña Compromiso como referente en Galicia é un orgullo e unha boa nova. O deputado Aitor Esteban, sen ir máis lonxe, vainos visitar en Lalín nos vindeiros días e é algo moi positivo porque é unha referencia. 

"Temos débeda cero. O truco? Mirar ben polos cartos da xente, non gastar en obras faraónicas e ter claro que é mellor amortizar débeda que pagar xuros aos bancos"

Vén de asinar o decreto co que o Concello de Lalín liquidaba a súa débeda, deixándoa a cero tras entrar na alcaldía con 5,4 millóns por pagar aos bancos, cal é o truco?

O truco é mirar ben polos cartos da xente, non gastando en facer obras faraónicas e tendo moi claro que é mellor amortizar débeda que pagar 170.000 euros en intereses e xuros aos bancos cada ano. Eu prefiro non tirar os cartos nos bancos e amortizalos para que o Concello de Lalín sexa o máis solvente de Galicia. Haberá outros que estean tamén con débeda cero pero que teñan 8 millóns na caixa, seguro que non. 

Lalín sempre foi unha praza forte do PP, é máis dura a campaña?

O PP ten en marcha toda a súa maquinaria, cunha campaña envorcada en descualificarme a min, mesmo intentando relacionarme coa trama Púnica cando a relación era con eles... É unha campaña sucia e lamentable, pero eu dixen que non me ía meter con ninguén e que ía facer unha campaña en positivo e ofrecendo propostas á xente, que é o verdadeiramente importante. 

"O PP ten en marcha toda a súa maquinaria, cunha campaña sucia e lamentable, centrada en descualificarme"

É o modelo Lalín exportable a outras vilas, mesmo a Galicia?

Non me quero poñer exemplo de nada nin creo que se deba facer, pero se alguén quere tomar apuntamentos do que se fai en Lalín, eu encantado, do mesmo xeito que eu fago apuntamentos do que Miguel Anxo Fernández Lores fai en Pontevedra ou do que fan outros alcaldes amigos. Para nós é unha satisfacción que se fixen en cousas que facemos e é certo que, andando polo país, hai quen pon a Lalín como exemplo de liberdade, modernidade e boa xestión. Iso si que é un orgullo porque tamén é reflectido nos medios, algo que é moi positivo para a marca Lalín. Volvémonos situar en primeira liña en Galicia, despois dunha fonda crise, o que corresponde para esta vila de 20.000 habitantes se as cousas se fan ben. 

"Deixarei a política de Lalín dentro de catro anos e logo xa veremos. Galicia? Imos paso a paso"

Sempre dixo que, de repetir na alcaldía, estaría un máximo de oito anos no Concello. Mantén ese compromiso? Marchará ao acabar este mandato de repetir como alcalde?

A miña traxectoria política en Lalín acabarase tras eses catro anos, si, despois xa veremos. Sempre dixen que o meu mandato sería dun máximo de oito anos e téñoo claro. 

Deixará a política de Lalín, pero dará o salto á política galega? 

Imos ir paso a paso e cos pés no chan. Para algunhas cousas hai que poñer os pés para gaiteiro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.