Leiceaga advirte do "nerviosismo" de Feijóo e do PP: "Non lles saen as contas"

Fernández Leiceaga, no acto de Pontevedra © PSdeG

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, advertiu este sábado en Pontevedra que ve a Feijóo e o PP “nerviosos” e concentrados en “tratar de facernos desaparecer e de montar líos onde non os hai”. Nunha comida mitin celebrada en Pontevedra, dixo que a pesar do control das institucións e dos medios públicos “non poden controlar o noso voto dende os valores, o compromiso, a ilusión e a esperanza”, o voto “que quere cambio”.

Leiceaga cre que "as contas non lle saen" ao PP porque "aparece con moita fortaleza unha alternativa liderada polo PSdeG"

Leiceaga cre que “as contas non lles saen” no PP porque “aparece con moita fortaleza unha alternativa liderada polo PSdeG” e por iso “utilizan todas as armas que teñen” dende o control da Xunta e dos medios institucionais ata o control dos medios públicos para marcar a axenda política da campaña e “facernos desaparecer da campaña porque somos o seu gran problema”.

O candidato do PSdeG acusa o PP de "controlar a Xunta, os medios institucionais e os medios públicos para marcar a axenda política da campaña"

Así, Leiceaga apelou ao “desexo maioritario de cambio” que crece “día a día” entre os galegos e as galegas, que queren que este cambio sexa “tranquilo, solvente e confiable como só podemos ofrecer os socialistas”. E sinalou que “cada día que pasa gañamos apoio, podemos velo nas rúas, nos nosos actos, nas conversas do café”, polo que apelou aos “votantes de esquerdas” a “concentrar no PSdeG o seu desexo de cambio”.

"Non pode quedar na casa ningún socialista e ningunha persoa de esquerda", dixo Leiceaga, que chama á mobilización

Engadiu que “non pode quedar na casa ningún socialista e ningunha persoa de esquerda” para “dicirlle adeus ao goberno do PP de Rajoy, de Feijóo e de Baltar”, a aqueles aos que “non lles interesa dar resposta aos problemas dos galegos e das galegas” e abrir o camiño “da boa política e dos gobernantes exemplares: a do Partido Socialista”.

O candidato socialista chamou ao “cambio urxente e imprescindible” que permita evitar “catro anos máis de Feijóo, de parálise, de recortes e de resignación”, do presidente que colgou un cartel de “Se Vende” a Galicia privatizando a sanidade e regalando as caixas galegas mentres os galegos e galegas poden sentiro cómo “están hoxe moito peor que hai oito anos”.

Fernández Leiceaga, no acto de Pontevedra © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.