Agora si, en campaña. A suspensión da primeira xornada da carreira electoral do 25S por mor do accidente ferroviario do Porriño converteu este sábado nunha caste de reedición da pegada de carteis da noite do xoves ao venres. Pola banda socialista este reinicio chega despois de que o CIS situase os de Xoaquín Fernández Leiceaga a pugnar con En Marea polo liderado da esquerda ou, o que é o mesmo, da alternativa ao PP de Alberto Núñez Feijóo. Con este pano de fondo o aspirante do PSdeG á Presidencia recibiu o secretario xeral do PSOE nun dos feudos tradicionais do partido da Galicia vilega, Cerceda. Alí Leiceaga lanzou unha promesa ben concreta, a fin do copago farmacéutico para os pensionistas se é presidente, mentres Sánchez foi o encargado de lanzar dardos a Feijóo nun dos seus escasos flancos febles: a lembranza das fotografías con Marcial Dorado.
Ao pé do parque acuático da localidade, pero ameazando chuvia, Sánchez deulle paso a Leiceaga apelando ao estómago da concorrencia. "Con este arrecendo a churrasco, como ía perder eu este xantar", ironizou. Previamente deu por "trabucada" a demoscopia dende o convendemento de o cabeza de cartel do seu partido acabará sendo elixido presidente polo Parlamento. "Imos ser quen de artellar unha nova maioría dende os valores da esquerda, da socialdemocracia e do galeguismo", augura Leicega para resumir as súas bases para un "cambio urxente, imprescindible", pero tamén "posible". "Se depositan a confianza no Partido Socialista -di- imos utilizar ese voto con capacidade e solvencia, con rigor para mellorar a vida dos galegos e galegas".
O candidato socialista asegura que destinará 65 millóns á fin do copago, que beneficiaría unhas 650.000 persoas no país
Feijóo, lamenta o candidato, "cumpriu con Rajoy e Montoro, pero deixou de cumprir cos galegos". O actual presidente, critica, é "un burócrata sen corazón" no que "a lealdade aos galegos está por tras da lealdade ao PP" e, en última instancia, a Romay-Beccaría, de cuxa man "foi escalando". Mentres, di, o PSdeG asume "compromisos". O primeiro, decidir ao chegar á xefatura do Goberno "eliminar" o copagamento farmacéutico "que todos aqueles pensionistas de rendas baixas teñen que soportar" dende que así o decidiu o Goberno de España en 2012, con Ana Mato como ministra de Sanidade. Esta medida, calcula, beneficiaría unhas 650.000 persoas e tería un impacto no orzamento da Xunta duns 65 millóns de euros.
"A votar, se temos un bo resultado seremos quen de cambiar Galicia, porque temos capacidade", arenga o candidato. Antes, Sánchez fora o encargado, alén das súas mensaxes en clave estatal, de erguer sombras sobre a figura de Feijóo e, sobre todo, de lanzar un discurso contrario á campaña do PPdeG, isto é, vincular ao aspirante á reelección ás siglas do PP e ás zonas máis próximas da xestión de Mariano Rajoy coa corrupción.
Sánchez: "Feijóo non di nada da corrupción do PP porque Rajoy lle podería reprochar que el tamén ten cousas que ocultar, ten fotografías cun narcotraficante"
"Feijóo é a Galicia o que Rajoy, a España", sintetiza Sánchez, para pedir o voto para o PSdeG, "un partido galeguista, moi distinto do PP". "Cando Xoaquín chegue á Xunta o primeiro que vai facer é quitar o cartel de 'se vende' da sanidade pública" e demostrar que a "autocompracencia de Feijóo" non se corresponde coa realidade. Como tampouco é real, reprocha, a súa loita contra a corrupción. "Que dixo Feijóo ante a corrupción do PP?", pregúntase retoricamente. "Non dixo nada, porque o que lle podería reprochar Mariano Rajoy é que el tamén ten cousas que ocultar, porque ten fotografías cun narcotraficante".
"A traballar polo cambio en Galicia e en España", culminou Sánchez, non sen antes esgrimir que debe ser o PSdeG, e non En Marea, quen encabece ese cambio. As mareas, di, non deixan de ser un "conglomerado sen proxecto definido" e cunha xestión "moderadamente decepcionante" onde gobernan. O espírito socialista, di, debe ser o que expresou, hai agora máis dunha década, Emilio Pérez Touriño no peche da campaña que o levou á Presidencia, e na que o propio Sánchez, lembrou, traballaba como membro do equipo do partido.