“Estamos en condicións de facer a remontada na parte final da campaña, que é a fase decisiva”. Así de confiado se amosou este luns Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, durante a reparticion de propaganda electoral que levou a cabo na Coruña xunto á candidatura do PSOE ao Senado, encabezada por Ángel Mato, e antes de reunirse cun grupo de traballadores de telemárketing ameazados por un ERE.
Leiceaga amósase convencido de manter a representación do PSdeG en Galicia cun resultao "que será unha sorpresa"
Leiceaga advirte que ao PSOE quédalle “unha semana por diante para conseguir que os cidadáns desmintan ás sondaxes cos seus votos” e anunciou que o PSdeG vai "manter a representación -en Galicia-" e que vai ter "un resultado que aquí tamén será unha sorpresa”. Así, chamou aos votantes a que aposten por “un cambio posible, razoable, sensato e seguro” que virá, dixo, da man de Pedro Sánchez.
Ademais, o candidato socialista á Xunta repartou tamén en que as enquisas coñecidas onte revelan unha situación “dramática” para o PPdeG, que aínda tendo o goberno da Xunta é "o que máis rexeitamento suscita entre os electores, seguido moi de perto de Unidos Podemos". Ao tempo, destacou que o partido que menos rexeitamento esperta é precisamente o PSOE, e "de aí que sexa o que máis posibilidades ten de remontar no final da campaña".
"Imos conseguir mobilizar o electorado e convencer eses electores indecisos que queren votar socialista, que son socialistas e que finalmente van ir con orgullo ás urnas o 26 de xuño”. Leiceaga engadiu tamén que o tramo final da campaña será decisivo polo elevado número de indecisos que aínda non definiron o seu voto, o que leva a que “ao PP sóbralle a campaña, e a Unidos Podemos sóbralle a presenza de Pablo Iglesias, e por iso "mandou a Galicia a dous lugartenentes ou emisarios”.
Leiceaga carga contra Iglesias por non vir a Galicia e "mandar dous lugartenentes ou emisarios"
O candidato do PSdeG á Xunta censurou así a estratexia da coalición, que "optou por reducir ao mínimo imprescindible a presenza do seu líder no territorio", e que está demostrando que “a diferenza do que ocorreu na campaña anterior, tamén a eles lles está sobrando a última semana da campaña”.