Leiceaga garante o entendemento na esquerda: "Se hai maioría, haberá cambio"

Leiceaga e Sánchez, nun acto en Vilalba CC-BY-NC-SA PSdeG

Pedro Sánchez volveu a Galicia para apoiar a Xoaquín Fernández Leiceaga. Nas Pontes, o secretario xeral do PSOE, advertiu que "a participación sempre é maior nas xerais que nas autonómicas" e chamou á mobilización lembrando que "un goberno autonómico é responsable da sanidade, do ensino, da dependencia, das políticas de vivenda, das sociais ou da formación dos desempregados". "Paga a pena que vaiades votar polo cambio", insistiu o líder socialista, que apostou por "desterrar a resignación, a autocomplacencia e a mentira e darlle unha oportunidade a Galicia". 

O líder estatal do PSOE, nun mitin desta vez sen críticas a En Marea, uniuse á aposta por "un goberno de cambio liderado polo PSdeG" e seguiu a liña de Leicega, que volveu garantir o entendemento na esquerda. E de forma clara. "Se hai unha maioría para o cambio, haberá cambio. Non hai nada que non se resolva falando", asegurou, para engadir que "cando hai varios partidos, as cousas soluciónanse falando" e lembrar que "Laxe e Touriño foron presidentes en coalicións e outros partidos confiaron no PSdeG por ser fiable". 

Mesmo Leiceaga reivinciou a "estabilidade" de gobernos autonómicos onde o PSOE goberna en coalición ou en minoría ou a do Concello de Lugo. "O PP utiliza o discurso do medo, pero o medo é que eles sigan catro anos", manifestou. "Falan de líos nosos e cos demais. Non fagades casos, non hai nada diso", engadiu.  

"Se hai unha maioría para o cambio, haberá cambio. Non hai nada que non se resolva falando", di Leiceaga

Ademais, Pdro Sánchez advertiu dos erros das enquisas, tamén no 26X -"sempre as sufrimos", dixo- para asegurar que "o futuro non está escrito" malia que "os medios din que xa está todo feito". "Advírtennos que imos quedar terceiros e, ao final, o que queren é desmobilizar o electorado socialista", engadiu para insistir en que "a vitoria é posible se se vai votar" e animar a facelo porque, así, segundo di, "Feijóo será un mal recordo esa mesma noite do domingo". 

"O voto hoxe é máis útil ca nunca", dixo Sánchez, que asegurou que votar polo PSdeG "significará retirar o cartel de se vende da sanidade, traerá pensións dignas, apostará polo sector lácteo e primario e acabará cos recortes no ensino". 

"Dicir Feijóo é dicir Rajoy, porque Feijóo foi un delegado de Mariano en Galicia", asegura o líder do PSOE

Ademais, desmentiu a sona de "bo xestor" de Feijóo por "aumentar a débeda" malia "reducir o gasto" e cargou contra a corrupción do PP, tanto a nivel estatal como en Galicia. "Temos que desterrar a mentira da vida pública; dicir Feijóo é dicir Rajoy, porque Feijóo foi un delegado de Mariano en Galicia", asegurou nas Pontes ante unhas 700 persoas e logo de celebrar tamén un acto en Vilalba. Ao tempo, reiterou o non do seu partido á investidura do propio Rajoy en España e criticou que houbese quen "dixese non a un goberno progresista". 

 

"Concentrar o voto no PSdeG"

Por outra banda, e xa pola mañá durante unha visita a Rianxo, Leicega manifestou que “concentrar no Partido Socialista o voto do electorado progresista permitirá o cambio que desexa a maioría social" e fixo un chamamento, non só "ao electorado tradicional" do PSdeG, senón "aos desencantados do PP ou as que apoiaron outras opcións" para asegurarlles que a súa formación "estará á altura da responsabilidade porque é a única garantía de cambio". "Estamos capacitados para liderar unha alternativa a Feijóo”, engadiu.

“Concentrar no PSdeG o voto do electorado progresista permitirá o cambio que desexa a maioría social", di Leiceaga

Ademais, Leiceaga visitou unha batea para poñer de manifesto o "compromiso" do PSdeG "coa xente do mar e co sector do mexillón, no que Galicia é unha referencia mundial”. “Temos que protexer o mexillón galego contra importacións foráneas que non cumpren os estándares de calidade e poñen en dificultade a nosa producción”, dixo.

Antes, en Vigo, Leiceaga, comprometeuse a executar o “desenvolvemento efectivo” da Lei da Área Metropolitana de Vigo para garantir “os servizos dunha capital de provincia” para "a principal cidade de Galicia". Así o asegurou nunha intervención diante do Círculo de Empresarios de Vigo, onde presentou as liñas mestras do seu proxecto para a cidade, que pasa por desbloquear o Plan Xeral e rescatar o Hospital privado.

Ao tempo, engadiu que o goberno autonómico velará por que "a cidade que reúne a 25% da poboación de toda Galicia reciba o tratamento e as dotacións de servizos administrativos que precisa e merece".

Leiceaga, na súa visita a unha batea © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.