Leiceaga pide "confianza" no PSdeG fronte á "indecencia política" das fotos de Feijóo co narco

Leiceaga, con González Laxe (dereita), este xoves na Coruña CC-BY-NC-SA PSdeG

As fotografías de Alberto Núñez Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado a mediados dos anos 90 do século pasado, cando o actual presidente e candidato á reelección dirixía o Servizo Galego de Saúde, apenas estiveron presentes na campaña electoral do PSdeG. A mención máis explícita ao respecto por parte do aspirante socialista á Presidencia, Xoaquín Fernández Leiceaga, chegou este xoves, a apenas vinte e catro horas da fin da carreira electoral. Durante un mitin en Viveiro Leiceaga apelou á "confianza" da cidadanía para encomendarlle o "liderado" do "cambio", necesario, di, fronte a actitudes que revelan a "indecencia política" de Feijóo.

Hai que ter "bemoles", ironiza o socialista, para que o cabeza de cartel dunha formación investigada -antiga imputación- por presunto financiamento irregular, proclamou, se presente como garante de loita contra a "corrupción". Fronte aos conservadores, dixo, o PSdeG é garantía para encabezar un "goberno estable" se os populares perden a maioría absoluta.

A que, posiblemente, vén de ser unha das intervencións máis contundentes de Leiceaga no que vai de campaña chega pouco despois de que, noutro acto de campaña na Coruña, recibise o aval explícito do ex-presidente Fernando González Laxe. Como antes xa fixera Emilio Pérez Touriño, Laxe eloxiou a preparación intelectual de Leiceaga para presidir unha Xunta que, segundo o candidato, debera ter como prioridade unha "axenda social do cambio" coa "educación, a sanidade e as políticas de benestar como eixos fundamentas.

O candidato do PSdeG, que recibiu o aval de González Laxe, propón un plan de emprego de 100 millóns "para contratar 10.000 mozos e mozas anualmente"

Leiceaga, di Laxe, ten "o coñecemento preciso de Galicia, claridade nas ideas e capacidade para o diálogo" para presidir un Executivo que, necesariamente, sería plural. Se esa conxuntura, se dá, asegura o presidenciable, "desenvolveremos unha política social integradora para recuperar a cohesión". É neste ámbito no que encadra unha das súas propostas estrela da campaña, a contratación de "2.500 novos mestres para mellorar o sistema educativo", así como "1.500 profesionais sanitarios". 

"O Goberno do PP -contrapón Leiceaga- limitou a economía ao recorte do gasto". Mentres, di, o PSdeG desenvolverá "unha política económica que prioirce a creación de emprego a través da industrialización ea  innovación. As ferramentas para lograr este obxectivo, di, serán unha "reforma en profundidade do IGAPE" ou un plan de emprego "dotado con 100 millóns de euros para que as empresas poidan contratar 10.000 mozos e mozas anualmente".

Mitin do PSdeG en Viveiro CC-BY-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.