Leiceaga promete eliminar os aforamentos e os "privilexios parlamentarios"

Leiceaga, no almorzo informativo © PSdeG

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, comprometeuse a eliminar “os aforamentos e os privilexios parlamentarios”. Nun almorzo informativo organizado pola Asociación da Prensa da Coruña, o aspirante socialista insistiu na necesidade de "recuperar a credibilidade dos gobernantes e recuperar a confianza dos cidadáns nos gobernantes e nas institucións”.

Leiceaga aposta por “poñer a calidade democrática de Galicia á altura dos países europeos". "Queremos que Galicia sexa a administración pública española cos estándares máis elevados de transparencia e bo goberno”, engadiu, tras aclarar que, ao seu parecer, "moitos aforamentos carecen de sentido". "Claro hai que protexer a liberdade de expresión dos deputados e deputadas, é básico, pero deben ser xulgados polo seu tribunal ordinario e non ter unha protección a maiores fronte a outros cidadáns”, insistiu Leiceaga. 

O candidato socialista dixo tamén ser consciente de que para levar a cabo esta medida é necesario "un pacto" porque precisaríase "reformar o Estatuto de Autonomía para facelo efectivo". "Sería unha das razóns, adicionais a outras, que nos levarían a impulsar a reforma do Estatuto”, engadiu.

Ademais, Leiceaga fixo tamén referencia á CRTVG e á lei que o PSdeG apoiou no 2012 "e está sen desenvolver". "Necesitamos un Consello de Informativos que garanta a neutralidade e desenvolver e Estatuto Profesional do xornalista dos medios públicos”. “Tamén queremos que por lei haxa que celebrar debates nas campañas electorais, debates independentes e neutrais; Feijóo foxe dos debates e sería bo nesta campaña un cara a cara, manteño a miña proposta para confrontar as dúas alternativas, pero non obtivemos resposta pola súa parte”, rematou.

Leiceaga, no almorzo informativo © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.