Leiceaga promete recuperar a gratuidade dos libros de texto no ensino

Fernández Leiceaga, na súa visita a un colexio de Ames © PSdeG

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou que recuperará “a gratuidade dos libros de texto na educación”, unha “conquista” que, como lembrou durante a súa visita a Ames, fora posta en marcha polo goberno de Emilio Pérez Touriño e que "eliminou o PP de Feijóo".

Leiceaga promete que recuperará “a gratuidade dos libros de texto na educación”

O candidato socialista aproveitou o comezo do curso para visitar o CEIP Agro do Muíño, en Ortoño, onde anunciou varias medidas para mellorar a calidade do sistema educativo, “que ten que ser o noso factor diferencial e un elemento de igualdade de oportunidades”. Leiceaga comprometeuse tamén a “devolver 2.500 profesores nos próximos catro anos” á educación pública galega. “Apostamos por políticas públicas eficaces que aposten polas persoas, con servizos que cubran as súas necesidades”, afirmou Leiceaga.

O aspirante socialista á Xunta destacou os modelos de Ames e Burela, localidades que vén de visitar, como as "excepcións nun contexto demográfico regresivo". "Dous municipios que van na dirección na que debería ir o conxunto de Galicia”, dixo quen destacou o compromiso do seu partido coa educación. 

“Hoxe é o día de comezo do curso, un día de alegría pero tamén de preocupación para moitas familias por ter que facer fronte aos gastos, que poden ser unha cantidade importante”, engadiu Leiceaga, que considera “asumibles” as dúas medidas anunciadas hoxe, “e serán moi beneficiosas para as familias e o sistema educativo”.

Fernández Leiceaga, na súa visita a un colexio de Ames © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.