Leiceaga propón reverter a reforma eléctrica de Aznar para evitar que Alcoa marche

Leiceaga, cos traballadores de Alcoa na Coruña Dominio Público @PSdeG

O candidato do PSdeG á Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, apostou este martes por reverter a reforma eléctrica do goberno de José María Aznar para facilitar que Alcoa quede e continúe traballando en Galicia. Fíxoo logo de reunirse na Coruña con representantes dos traballadores da factoría e uns días despois de facelo cos seus compañeiros da mesma empresa na Mariña. 

Ante as continuas ameazas de peche ou venda das fábricas, Leiceaga insistiu na "necesidade dunha reforma do funcionamento do sistema eléctrico para garantir que os grandes consumidores estables de enerxía teñan unhas condicións competitivas en Europa e no mundo". Así, cualificou de "imprescidible" este cambio "a medio prazo" que "dea atrás coas condicións actuais que proceden do goberno de Aznar". 

"Hai que garantir que os grandes consumidores estables de enerxía teñan unhas condicións competitivas en Europa e no mundo"

Ademais, apostou por unha "política industrial" en Galicia ante o desleixo de Feijóo, "que prescindiu dela, o que pode levar por diante boa parte da nosa industria". Pero, con todo, chamou a decisións máis inmediatas, "en canto se constitúa o novo goberno" no Estado, para que as condicións de funcionamento da planta de Alcoa na Coruña "sexan como mínimo semellantes ás da planta da Mariña e baixen os seus custos para que poida ser competitiva". "Precisa investimentos e estabilidade", engadiu. 

Por outra banda, e respecto ao debate entre os catro líderes de forzas estatais de cara ao 26-X, Leiceaga cre que "Rajoy foi o gran derrotado" e que Pedro Sánchez "configurouse como unha alternativa seria, sensata e razoable". En canto aos posibles pactos tras os comicios, o candidato á Xunta considera que o PSOE terá "unha política de man tendida en ambas direccións, como tivo antes". 

Leiceaga, cos traballadores de Alcoa na Coruña Dominio Público @PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.