O candidato socialista promete crear un Instituto Galego de Investigación como os que existen en Cataluña e País Vasco
O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, prometeu este mércores un “programa de retorno do talento” para “facilitar os regreso dos mozos e mozas emigrados nos últimos anos”. Así o anunciou durante a súa visita a diversas instalacións da Universidade da Coruña acompañado polo número 3 da súa lista por esa provincia, Juan Díaz Villoslada, ata o de agora xerente da institución académica.
“Feijóo dí estes días que Galicia é un bo lugar para nacer, aínda que nas caixas finlandesas que regala debería haber un cheque de 4.000 euros para pagar a débeda que lle deixa a cada cidadán”, dixo o socialista, quen engadiu que a realidade é que os galegos “non poden desenvolver aquí o seu proxecto vital”.
“A Xunta dará axudas para estudios de posgrado a aqueles que non teñan recursos para acceder a eles”, di o socialista
Para evitar a emigración dos mozos máis formados e recuperar aos que marcharon Leiceaga apostou por incrementar “a colaboración entre a Xunta e as universidades, mais alá do fondo de financiamento, para reforzar os estudios de posgrado” e derrubar as barreiras co mundo laboral. “A Xunta dará axudas para estudios de posgrado a aqueles que non teñan recursos para acceder a eles”, asegurou, anunciando tamén “un Instituto Galego de Investigación, similar aos que xa existen en Cataluña ou País Vasco.
Leiceaga tamén visitou instalacións da universidade en Ferrol, onde avogou por incrementar a súa colaboración co sector naval. Xa pola tarde, o socialista reuniuse co colectivo feminista Se non conto, non voto.