Leiceaga ve o PP "fóra da carreira" ao entender que Rajoy "non ten posibilidade ningunha de formar goberno". Por iso, o candidato do PSdeG á Xunta animou a "entregar as chaves do futuro" a Pedro Sánchez ante un cambio "que vai ser unha realidade". O aspirante socialista a presidir Galicia fixo estas declaracións logo dun acto electoral na localidade ourensá de Cenlle, no que advertiu que os cidadáns só terán "dúas opcións" o vindeiro domingo: "a moderada e estable" que, ao seu ver, representa a súa formación, e a "aventura" que lidera Pablo Iglesias con Unidos Podemos.
Leiceaga só ve "dúas opcións": "a moderada e estable" de Pedro Sánchez e a "aventura" de Pablo Iglesias
"Pablo Iglesias unha mañá levántase independentista e pola noite déitase federalista; unha mañá levántase querendo saír do euro e pola noite sendo unha opción, parece ser, socialdemócrata de ocasión", asegurou Leiceaga, que insistiu en que é o PSOE quen ofrece unha alternativa "moderada, estable razoable e que permite construír un futuro no que poden sentirse representados a maioría dos cidadáns de España".
Ademais, e tal e como manifestou nos últimos días, Leiceaga amosouse convencido de que o Partido Socialista está "en remontada" nestes últimos días de campaña e que contradirá as sondaxes que sitúa a formación no terceiro posto, por detrás de Unidos Podemos. Así, mostrouse "seguro" de que os españois "van optar pola opción que representa o PSOE e Pedro Sánchez" o día 26.
Leiceaga insistiu no problema do despoboamento en Galicia , onde cada vez hai menos territorio "dedicado á agricultura"
Durante a súa visita a Cenlle, Leiceaga insistiu no problema do despoboamento en Galicia , onde cada vez hai menos territorio "dedicado á agricultura" co problema que iso crea para as familias. Ademais, a cabeza de lista do PSOE por Ourense ao Congreso, Rocío de Frutos, destacou que o seu partido avoga por políticas para fixar poboación. E detallou algunhas como frear a volatilización de prezos, a implantación dunha formación profesional vencellada ao sector vitivinícola ou unha batería de incentivos fiscais que permitan o relevo xeracional e "que os mozos e mozas o vexan como unha alternativa de futuro fronte ao abandono ao que o ten sometido o PP.