Lídia Senra sae ao paso das críticas recibidas pola súa controvertida pregunta parlamentaria á Comisión Europea na que cuestionaba a "seguridade" das vacinas e mais a súa obrigatoriedade nos Estados membros da Unión. A europarlamentaria elixida baixo as siglas de AGEe nas eleccións de 2014 emitiu a últimas horas deste martes un comunicado dende Estrasburgo no que resalta que a pregunta rexistrada -resalta- en agosto "non vai de 'vacinas si/vacinas non", senón que procura "que se garanta a transparencia, a información" e, en definitiva, o control público e a "seguridade" da vacinación.
A súa aposta, di Senra, é que "os poderes públicos garantan a seguridade fronte ao poder dos laboratoiros" e a "non obrigatoriedade no contexto europeo", o cal "non é diferente ao que xa existe no Estado español. "Respecto moito as diversas opinións e críticas que xurdiron con motivo desta pregunta", resalta a eurodeputada, e nun contexto no que "agradezo profundamente as mostras de solidariedade", afirma que "ambas cousas" supoñen "un valioso estímulo" para "seguir preguntando á Comisión". "Non se pode ter medo a facer preguntas".
Senra asegura que a pregunta "non vai de vacinas si/vacinas non", senón que procura "transparencia, información" e "seguridade"
Despois de que formacións como Anova, Esquerda Unida ou En Marea desautorizasen a devandita pregunta Senra resalta que a súa intención é "seguir traballando" para que "as decisións políticas que afectan á saúde e á seguridade de todos os medicamentos non estean condicionadas polos intereses" da industria farmacéutica. "Seguirei traballando para demandar investigación pública" e que as decisións neste eido estean "garantidas" polas Administracións. "É algo que levo facendo neste Parlamento dende o primeiro momento", salienta, tamén "cando en outubro de 2014", cando a nova Comisión tomou posesión, pediu "que a Axencia Europea do Medicamento permanecese na Dirección Xeral de Saúde e Consumo" e "non na de Industria, como pretendían".
"Seguirei traballando na defensa da sanidade pública dende a miña responsabilidade como deputada"
Dende o punto de vista de Lídia Senra "cando o PP lanzou hai uns días este ataque contra min" baseado "nunha pregunta rexistrada en agosto" é posible que "pensase que podería servir para tapar o debate, o malestar social, sobre o deterioro da sanidade" e a respecto das "mobilizacións que está habendo na Galiza na defensa da sanidade pública". "Queremos -conclúe- investigación pública e control público na sanidade", e isto atinxe "ás vacinas, aos medicamentos, aos tratamentos" ou "á investigación", porque "a saúde é un dereito".
"Estas -asegura- foron as miñas razóns para preguntarlle á Comisión Europea pola información e control público sobre as vacinas". E por ese motivo "dende a miña responsabilidade como deputada, seguirei traballando na defensa da sanidade pública fronte ás políticas neoliberais".