Lidia Senra gaña a votación interna de Anova e encabezará a lista das europeas

Lidia Senra, con Martiño Noriega e Xosé Manuel Beiras © Anova

Lidia Senra encabezará a lista de Anova, Esquerda Unida e Espazo Ecosocialista na eleccións ao Parlamento europeo do 25 de maio. A ex secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego impúxose con claridade nas votacións internas ás que estaban convocados este domingo os e as militantes de Anova. Senra obtivo 419 votos, o 85% do total, superando con claridade o segundo candidato máis votado, o ourensán Carlos Lorenzo Simón (91votos), que ocupará o segundo posto de Anova na candidatura. En total, o 47% dos e das militantes participaron na votación.

Senra ocupará o posto 5 na coalición de esquerdas encabezada por Izquierda Unida, considerado un posto de saída

Senra ocupará o posto 5 na coalición de esquerdas encabezada por Izquierda Unida, considerado un posto de saída, pois a maior parte das enquisas outórganlle ao redor de nove escanos á lista que encabezan Willy Meyer, Paloma López, Ernest Urtasun (ICV) e Marina Albiol. Nesta lista tamén figurará, no posto sétimo, outro galego: Javier Couso, irmán do cámara asasinado por tropas norteamericanas en Iraq.

A activista labrega recibira hai uns días o apoio expreso de Xosé Manuel Beiras e hai uns días ao redor de 170 militantes de Anova asinaron un manifesto de apoio á súa candidatura, Lidia Senra unha rexa voz cálida e unha aposta política. Neste texto destacábase que "cómpre pular tamén por unha cabeceira de candidatura á altura do enorme desafío que temos por diante, a defensa de Galiza e da maioría social nunha loita común contra esa repugnante Troika".

Lidia Senra, con Martiño Noriega e Xosé Manuel Beiras © Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.