“Non valen 38 escanos, hai que sacar 39, 40, 41 e 42”, di Rajoy

Rajoy durante a súa visita a Mondoñedo Dominio Público PP

A medio camiño entre o seu triunfalismo dos últimos días que tan pouco gusta no PP galego e a petición de Feijóo dun último esforzo para garantir a maioría absoluta que lle dan as enquisas, o presidente estatal do partido e do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, dixo este mércores na Mariña lucense que non lle vale unha vitoria pola mínima senón que quere unha maioría absoluta ampla. “Aquí non valen 38 [escanos, o límite da absoluta], hay que sacar 39, 40, 41 e 42 e ídelos sacar vós co voso esforzo, traballo e dedicación”, dixo ante os seus simpatizantes nun mitin en San Cibrao, no concello de Cervo. E ao contrario que no PP galego, que restan importancia ás enquisas para tentar que os seus non se desmobilicen dando por conseguida a maioría absoluta, Rajoy amosouse cómodo cos datos que estas ofrecen. “Custa menos ser feliz coas enquisas a favor que coas enquisas en contra”, dixo.

Mentres Feijóo resta importancia ás enquisas que lle dan a maioría absoluta para que os seus non se desmobilicen, o presidente do Goberno en funcións di que “custa menos ser feliz coas enquisas a favor que en contra”

Na súa intervención inicial o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, salientara que era a primeira vez que un presidente do Goberno visitaba San Cibrao. Rajoy, amosando novamente o seu espírito resistente, contestoulle que volverá nun futuro á vila “tamén de presidente do Goberno, e atención, cando volva, volverei dicir exactamente o mesmo, e logo xa veremos”. Nesa liña, e igualmente en clave estatal, lembrou que o seu partido gañou as eleccións xerais en decembro de 2015 e xuño de 2016 e engadiu que “se hai que volver ir, vaise, e vanse gañar por moitos máis votos que en xuño”.

O líder do PP tamén asegurou atoparse “moi a gusto” e sentirse “tratado con moito cariño” facendo campaña polas vilas galegas. E nesa clave local salientou que “igual que cerramos definitivamente a Autovía do Cantábrico, tamén faremos o AVE no ano 2018, e senón ao tempo, que é cando virei inauguralo como presidente do Goberno”. Porén, a demora que acumula o inicio das obras no acceso á cidade de Ourense fai xa materialmente imposible que se cumpra ese prazo para a liña Madrid-Galicia mentres que a liña ata Lugo carece aínda de data de comezo.

Rajoy dá por feito que seguirá como presidente do Goberno en 2018 e inaugurará ese ano o AVE galego malia ser materialmente imposible

Xunto a Rajoy tamén interveu en San Cibrao o deputado autonómico aspirante a revalidar o seu escano José Manuel Balseiro, que cargou contra a oposición dicindo que “se tiveran un pouco de vergoña, algún xa estaría na casa”. Fronte a eles opuxo un PP que traballa “cambiando a tendencia de facer política”. Balseiro gabou que fose “un goberno popular quen iniciou a Autovía do Cantábrico e quen lle deu fin”. Porén, cando o daquela ministro de Fomento do PP, Francisco Álvarez-Cascos, puxo a primeira pedra en Galicia da A-8, en Ribadeo, a poucos días das eleccións xerais de 2004 que gañaría o PSOE, a finca na que a colocou era a única que estaba expropiada e as obras non comezarían ata un ano despois. Agora, Fomento traballa aínda para atopar unha solución que evite que a néboa corte constantemente ao tráfico preto de 20 quilómetros da infraestrutura.

Antes de chegar a San Ciprián (sic), como o denominou o PP de Génova na súa convocatoria pública, Rajoy pasou por Villalba (sic, novamente), Cospeito e Mondoñedo. Na primeira das vilas lembrou a figura de Manuel Fraga e salientou que desde alí “pódese ir a Francia pola costa, estamos pendentes de facer algunha cousa máis, pero en materia de infraestruturas imos ben”, sen aclarar se se refería á solución para a néboa na A-8. Na segunda das vilas Rajoy amosou a como na Mariña súa esperanza en que o AVE chegue a Galicia en 2018 malia ser materialmente imposible. E na terceira das localidades probou a torta de Mondoñedo e exclamou: "¡A mí me gusta todo de esta tierra!"

Anuncio do PP estatal sobre o mitin de San Cibrao Dominio Público PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.