Lores: "O modelo de Pontevedra tivo protestas, pero hai que tomar decisións políticas con valentía"

Lores, durante a entrevista con Praza Pública CC-BY-SA Praza Pública

Miguel Anxo Fernández Lores vén de cumprir o primeiro ano do seu quinto mandato como alcalde de Pontevedra. Acabado de chegar de expoñer o modelo urbano pontevedrés nun foro internacional, asegura ser consciente de que a veciñanza o situou cinco veces na alcaldía "non porque sexa do BNG, senón por facer unha boa xestión e un bo modelo urbano". E isto, asegura, non lle impediu actuar como "nidiamente nacionalista" dende o consistorio mentres se declara "namorado" dunha cidade que "medra" e na que "a xente quere vivir, e non marchar ao extrarradio co coche". O orgullo de cidade, afirma, non lle impide admitir "erros" propios e do Bloque en xeral. "Senón -admite en relación ás dificultades electorales da formación- non estaríamos como estamos".

Vén de expoñer o modelo urbano de Pontevedra no Foro das Cidades, en Madrid, e con esta acumula xa varias exposicións en encontros coma este.  Cal é o retorno deste modelo neste tipo de foros?
Participei nunha mesa redonda de alcaldes e alcaldesas sobre proxectos que se presentaron a ONU Hábitat, un premio de boas prácticas de actuacións públicas que melloran a calidade de vida. Presentáronse 45 iniciativas do Estado español despois de pasar o filtro do Ministerio de Fomento con máis de 400 doutros países do mundo. De entre eles seleccionáronse 50 e deses, 6. E nós levamos o premio, por iso nos convidaron. O que acontece nestes foros é que abondan as intervencións sobre estudos, sobre intentos…

Confróntanse aplicacións prácticas con modelos máis xerais, ou inspiracións?

"Demostramos que os coches necesarios para que funcione unha cidade son moi poucos, e compatibles con que os nenos vaian andando ao cole"

Nin sequera modelos. Eu centreime na nosa humilde experiencia. Eu non lle podo predicar a ninguén o que ten que facer, pero dentro do noso modelo temos varias conclusións: é imposible facer unha cidade sostible e habitable para os cidadáns sen limitar o tráfico privado. As cidades deben ser compactas e con multiplicidade de usos, cun transporte público maior ou menor en función da cidade… Pero a solución pasa por limitar o tráfico privado. E se algo demostramos é que os coches necesarios para que unha cidade funcione son moi poucos, e son compatibles con que os nenos vaian andando ao cole ou coa seguridade viaria. E cun proxecto global para toda a cidade: zona 30, accesible, preferencia peonil. Trátase de dedicarlle o 30% aos coches e o 70% á xente, e non ao revés. E aí sae a cuestión das protestas: hainas, interesadas, por xente que quere manter os seus privilexios, e tamén por xente que non é malintencionada pero que pensa que lle vai afectar negativamente. Pero iso pasa. Nós fixémolo e volvéronos elixir cinco veces. Hai que negociar e hai que dialogar, pero, indiscutiblemente, hai que tomar decisións políticas e facelo con valentía, porque o avance é tan ostensible que a xente se decata. Eu vou dicir o que fixemos, que se pode facer, que é bo para xente e para o comercio… O retorno é moito, aínda que non sexa cuantificable inmediatamente. Despois, o PP pregúntame que estamos facendo aí.

É unha crítica recorrente pola banda do PP, a súa asistencia a eses eventos…
A min dáme vergoña. Ao PP moléstalle que a súa cidade sexa un referente, porque cando eles gobernaba a cidade estaba deteriorada e chea de coches. E dóelles. A oposición debera ser máis construtiva e ter certo contido.

Séntese máis libre despois das últimas municipais, cun goberno en solitario?
Non temos maioría absoluta e aquí hai unha componenda na oposición para opoñerse a certas cousas, tamén ao modelo urbano. Pero o que pasa é que somos a forza máis votada cunha ampla diferenza. Nós estamos abertos a que fagan os acordos que queiran, pero nós non imos deixar de gobernar. A xente aposta polo noso modelo e nós temos a obriga de executar o noso programa.

"Ao PP moléstalle que a cidade sexa un referente, porque cando eles gobernaban e estaba chea de coches. E iso dóelles"

Agora non serían posibles acordos como os que tiveron no pasado, para estabilizar o goberno?
Porque eles non queren. Dende a campaña bateron no modelo urbano, con cuestións como a priorización da compostaxe na que estamos traballando ou dicindo que se imos “a peatonalizar la autopista”. Eu nunca fixen oposición así, senón agora non estaría gobernando. Como se vai poder chegar a acordos así? Malamente. Despois hai cousas que doen algo máis, como que teñamos un problema administrativo nan tramitación dun contrato de xardíns e me digan que iso é prevaricación.

O PP di que valora denunciar ese contrato porque está “sobredimensionado”…
Cando se contrata un número de metros cadrados de zonas verdes, cada ano ou cada tres meses os técnicos competentes comproban e pagan os metros cadrados sobre os que se actúa. Non estamos a pagar un millón de metros cadrados, senón o que se fai. É ridículo, non ten pés nin cabeza e por iso o xuíz o arquiva.

No último ano, unha das mudanzas institucionais máis relevantes na contorna do Concello foi o cambio de goberno na Deputación. A entrada do BNG nese goberno contribuíu a equilibrar o cadro institucional da provincia entre Vigo e Pontevedra?
Eu tiña unha relación inestable coa Deputación, ás veces desagradable, pero chegamos a algúns acordos malia non compartir a política de Louzán, igual que chegamos a algúns co Ministerio de Fomento. Agora cambiou radicalmente a concepción. Nós puxemos unhas condicións para gobernar a deputación sobre o reparto xusto entre os concellos e non en función da cor política, sobre darlles aos concellos a posibilidade de executar no que consideren prioritario; por exemplo, no noso caso, mellorar a seguridade en estradas provinciais. Ou coordinar as oficinas de turismo para traballar máis operativamente. Houbo un cambio, e nos motivos polos que se aceptou ese cambio non vou entrar, pero o que pasou en Lugo tivo algo que ver.

A experiencia de Lugo serviu para facilitar o acordo, como risco a evitar?
Exacto. Tomouse a decisión e chegamos a un acordo rapidamente con toda a formulación que tiñamos a partir de criterios transparentes. Para min foi algo agradable, sobre todo pola relación de respecto mutuo. E coido que o PP se equivoca coa oposición que está a facer.

O PP o que lle critica ao Bloque é que rexeiten as deputacións, pero que as gobernen cando poden…

"Se o BNG está na situación que está é porque non soubemos transmitir a mensaxe ou porque nos equivocamos na mensaxe; cómpre recoñecelo para avanzar"

Nós somos coherentes. Eu creo que a administración provincial non é necesaria. Hai unha administración autonómica que non está exercendo as súas competencias e as está pasando ás deputacións para darlles contido. Hai outras competencias que poderían ser comarcais ou de mancomunidades. Pero mentres isto exista, non é tan difícil de entender… Eu tampouco acredito no Estado español, pero preciso un deputado para dicir cousas alí, tanto para cuestións do país como para outras, de tipo social. Cando se tome unha decisión de modificar o entramado administrativo, nós non imos agarrar ao sillón da deputación, non é incoherente. Eu defendo a formulación que estamos facendo na Deputación de Pontevedra, aínda que non somos perfectos. Se o BNG está na situación na que está é porque ou non soubemos transmitir a nosa mensaxe, ou porque nos equivocamos na mensaxe, e iso cómpre recoñecelo. Senón, non podemos avanzar.

Esa é unha crítica recorrente ao BNG, que botan a culpa ao contexto, máis ao de fóra que ao de dentro, aínda que si houbese nos últimos anos algún discurso nese sentido, no de “algo estaremos facendo mal”. Vostede ve falta de autocrítica?
Houbo un momento no que nós pensamos que estabamos a piques de gobernar este país. E formulamos a estratexia como forza de goberno, entre un gran debate. E o goberno vén porque fas as cousas ben e a xente te ve como alternativa, non porque digas que vas gobernar. Houbo un momento no que perdemos o pulso de ser alternativos, de ser referentes. En Pontevedra coido que non o perdemos, pero en xeral, si. E iso fíxonos pasar a un segundo plano, aínda que eu estea plenamente convencido de que o BNG é absolutamente necesario. En Pontevedra chegamos ata aquí sendo nidiamente nacionalistas, confiando no país e tentando poñer en valor o que é noso. E iso é o corpus teórico do nacionalismo. Se non se cre no propio, non fas nada. Sempre o digo, nunca virá de fóra remedio ou esperanza.

Ata que punto cre que o puido beneficiar electoralmente a mudanza do PP sobre ENCE, pasando de defender o traslado a apoiar a permanencia?
Tras tantos anos padecendo ENCE, unha gran maioría da cidadanía ten unha posición formada. Quen a apoian teñen, directa ou indirectamente, relación coa actividade de ENCE, e eu podo entendelo. E tamén porque ENCE fixo ultimamente unha campaña mediática moi boa para transmitir as súas bondades, aínda que tamén grupos ecoloxistas e o propio Concello informamos de que non ouro todo o que loce. Pero eu estou plenamente convencido de que a cuestión non inflúe nas eleccións; outra cousa, é que eu defendo recuperar a ría dea ou non dea votos. Hai vida despois de ENCE. Se non está, habería unha gran explosión da cidade; por exemplo, hai industrias limpas que non veñen porque ENCE está aí. Se a quitásemos facilitaríase moito o saneamento da ría e o seu uso, ou non habería xente que pasa de largo por Pontevedra porque cheira cando vén o vento do sur. Oxalá puidésemos resolvelo sacándoo de aí, porque se verían os beneficios de inmediato, como coa peonalización.

Ten esperanza de poder chegar a paralizar a prórroga, xa sexa pola vía do recurso que veñen de presentar ou pola vía política? Todas as forzas agás o PP levan a revisión da prórroga nos seus programas…

"A prórroga de ENCE é o último favor de Rajoy ao sector financeiro"

Desgraciadamente, no programa lévanse moitas cousas, por iso sempre quero que os programas se adapten cada vez máis á realidade. Eu creo que o tema de ENCE é máis de Estado, con decisións que tomaron as forzas políticas do bipartidismo. E isto, probablemente, é o último favor que Mariano Rajoy lle fai ao sector financeiro. Obviamente é non grato, porque esa decisión é un atentado contra os pontevedreses e contra o medio ambiente.

Aínda esta semana lle volveron reprochar esa declaración, por consentir esa declaración como non grato...
Eu estou seguro de que hai moita xente do PP que non está a favor de ENCE pero non o di, porque sería un erro manifestarse neste momento contra o seu presidente. Porque ademais é un agravio comparativo para outras empresas, que teñen que cumprir. Se unha carpintaría toca un chisco na liña da costa, hai que derrubala. E ENCE ten dereito de pernada. A Xunta tería que petar na mesa e dicir que este é un territorio marítimo-terrestre, un territorio sensible e, aínda que a lei de costas diga o que queira, é incompatible cunha industria coma esta. E igual que o señor Rajoy levou esa declaración, se hai un goberno alternativo no Estado de quen sexa agás de Ciudadanos, que está a favor de que iso estea aí, esixireille igual que tome decisións. Igual que critiquei no seu momento que a Xunta do bipartito non fixese todo o que puido facer, aínda que estivese a miña forza política.

Nesta serie de entrevistas conversamos con alcaldes e alcaldesas tras o primeiro ano de mandato. Próximas paradas, Vigo e Lugo.

Lores, durante a entrevista con Praza Pública CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.