Louzán revoga un acordo coa Coruña e crea un conflito entre Concello e Federación

Xulio Ferreiro saúda a Rafael Louzán © Concello da Coruña

O Concello da Coruña carga contra a Federación Galega de Fútbol (FGF). A decisión do ente deportivo de incumprir o convenio asinado co executivo coruñés en 2012, co que se comprometía a construír a súa nova sede na zona de San Pedro de Visma, provoca  un enfrontamento entre as dúas institucións que pode acabar nos xulgados. O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, advertiu á entidade que preside Rafael Louzán que interporá unha demanda contencioso-administrativa na que solicitará a indemnización económica "por danos e prexuízos". 

O Concello reclamará unha indemnización "por danos e prexuízos" logo de que a FGF revogase o acordo para construír a súa sede en Visma

O conflito, que viña de lonxe, consumouse cando a asemblea xeral da FGF decidiu o pasado martes revogar o investimento no proxecto de San Pedro de Visma e instalar unha das súas novas sedes nun baixo do campous universitario. Aprobado por maioría de votos, o Concello acusa o popular Louzán de "deslealdade institucional" por levar á asemblea esta proposta de anulación do acordo. E reclama tamén a revogación da concesión administrativa á FGF para que a parcela municipal que se cedera para construír a devandita sede volva á administración local. 

Non semella que ese sexa o problema, xa que a FGF xa anunciou que devolvería a parcela no caso de non construír a sede, aínda que se completarán os dous campos de fútbol que se están construíndo a carón de onde ían estar situadas as oficinas. A Federación defende que un informe xurídico apoia a súa decisión de renunciar á sede e Louzán advirte que o acordo co Concello é en realidade un "procolo" e non un convenio. No entanto, o documento deixa claro que a FGF debe pagar integramente o proxecto desta sede que agora non quere facer. Aquel acordo fora asinado con García Liñares, ex presidente da Federación e alcalde socialista de Cerceda, que fora derrotado nas eleccións ao ente futbolístico tras unha polémica campaña entre acusacións de compra de vontades

Louzán apela ao aforro para non facer a sede comprometida, que estaría situada no campus universitario

Louzán apela ao aforro económico, xa que a sede de Visma costaría 5 millóns de euros, moito menos do que suporía instalarse no campus universitario. Pero a polémica vai máis aló, porque na FGF non se aclara se A Coruña seguirá sendo a sede central da entidade, xa que Louzán sempre foi partidario de trasladala a Compostela e de descentralizada con mellores delegacións en varias localidades. 

O BNG na Coruña pide que o goberno local reclame a "reversión inmediata" da parcela que fora cedida, mentres que o PSOE rexeita a decisión da FGF e que "garanta" o mantemente da sede da FGF na Coruña. O PP, que estaba no poder cando se asinou o convenio, non di nada aínda, pero o seu voceiro municipal e daquela alcalde, Carlos Negreira, prometera en varias ocasións a construción da sede. Agora, Louzán pode deixalo en mal lugar. 

Villar, Liñares e Negreira, nas obras dos campos da FGF © Concello da Coruña
Xulio Ferreiro saúda a Rafael Louzán © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.