Lugo reclámalle 1,9 millóns en impostos á Xunta e lamenta a súa "morosidade"

Orozco e a edil luguesa de Economía, Sonia Méndez © Concello de Lugo

"Galicia paga". Unha das afirmacións máis reiteradas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao longo de todo o seu mandato vén de bater de novo co Concello de Lugo. Como vén acontecendo dende hai meses o goberno local da cidade (PSdeG-BNG) retomou este martes a esixencia pública de que o Executivo autonómico "pague os impostos que lle adebeda a Lugo". "A Xunta segue sendo unha administración morosa co Concello de Lugo", asegura a concelleira de Economía, Sonia Méndez, que cifra en 1,9 millóns de euros os cartos "impagados" en concepto de "impostos municipais".

Explica a socialista que a débeda se refire "ao importe de taxas e impostos como o impostos de bens inmobles dos últimos anos", nomeadamente de departamentos autonómicos como o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e a Consellería de Sanidade. A débeda é importante e ademais "segue medrando", advirte, "porque ademais do principal, cada día que pasa acumúlanse recargos e xuros". Neste sentido, ao gabinete que dirixe Xosé López Orozco non lle valen "as explicacións" que dá a Xunta sobre parte desta débeda, "os 399.000 euros que lle adebeda a Lugo o IGVS" e que, segundo manifestou no Parlamento o conselleiro de Infraestuturas, Agustín Hernández, non son pagados porque se trata dunha reclamación inzada de "erros" e referida, en parte, a inmobles de "propiedade municipal".

"O presidente da Xunta presume de solvencia" mentres o seu goberno "pon escusas de mal pagador", censura o Concello lugués

Hernández "anunciou no Parlamento que ían pagar os recibos pero o Concello segue agardando", di a edil, quen conclúe que o conselleiro "mentiu en sede parlamentaria e agora pon escusas de mal pagador para eludir o pagamento". Isto, censura, acontece "mentres o presidente da Xunta está a presumir de solvencia e de que o Goberno galego é bo pagador". Con todo, advirte, o Concello lugués "segue a realizar as actuacións necesarias para recuperar os cartos que nos adebedan, igual que o fai cando é un cidadán quen non paga os tributos". Ao seu xuízo "é unha mágoa que os cidadáns de Lugo paguen puntualmente os seus impostos -os índices de recadación en período voluntario superan o 90% na cidade- mentres a Xunta se comporta como unha morosa", mesmo tendo "todo tipo de facilidades" para pagar, "como pode ser o fraccionamento dos pagamentos para que cumpra coas súas obrigas fiscais", conclúe.

Orozco e a edil luguesa de Economía, Sonia Méndez © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.