Lugo sobe ao tren para esixir conexións "dignas"

Inicio da protesta, ante a estación de ADIF en Lugo CC-BY-NC-SA BNG

"Galicia y Madrid más cerca". É a lenda publicitaria de Renfe que, casualmente, este xoves locía colocada en cada un dos asentos do tren Alvia no que, convocados pola plataforma 'Lugo... Non perdas o tren', unha ducia de colectivos sociais lucenses, acompañados por catorce alcaldes e alcaldesas e representantes de todas as forzas políticas agás o PP, reivindicaron conexións ferroviarias "dignas" para a provincia. O tren saía ás once e dez da mañá da cidade da Muralla con rumbo a Monforte. Se a plataforma preferise tomar os seguinte, ilustran, terían que agardar ata as sete da tarde.

Lugo, denuncia o representante veciñal e voceiro da plataforma, José Manuel Carballo, está a ficar "descolgada" da rede ferroviaria mentres noutros puntos se suceden os anuncios de conexións de alta velocidade e novas estacións. Mentres noutras cidades galegas "trinta e pico trens" viaxan diariamente a diversos puntos da xeografía, por Lugo só pasan, nunha xornada ordinaria, "cinco trens cara á Coruña e outros cinco cara a Monforte" e fanno, ademais, a velocidades que non compiten, nin de lonxe, co transporte por estrada.

A plataforma lembra que pola cidade de Lugo só pasan "cinco trens á Coruña e outros cinco a Monforte"

"Lugo está no mapa" pero non o parece, censura a plataforma, que ve "manobras políticas" por tras dun mapa ferroviario que, a efectos prácticos, lembran, é semellante ao de hai máis dun século. Isto sucede, lamentan, malia ás promesas da chegada do AVE ou da nova estación intermodal proxectada, pero non contratada. Por todo isto, resume Carballlo, "non queda máis remedio que loitar polo que é noso e pedir que non nos tomen o pelo".

Os presidentes da Federación Veciñal, Jesús Vázquez, da Asociación Provincial de Hostalería, Cheché Real, da patronal lucense, Jaime López, ou representantes dos sindicatos CIG, CCOO e UGT uníronse tamén a unha reivindicación que ten apoio explícito de colectivos tan dispares como o Colexio de Avogados ou a Cruz Vermella. Trátase, resume a alcaldesa lucense, Lara Méndez, de denunciar que "Lugo se sente discriminada" e advertir de que "non podemos perder máis o tempo, non podemos perder o tren" nin as conexións "co resto da provincia, de Galicia e coa Meseta". Esta é unha demanda que equivale a pedir "ter o mesmo que o resto das cidades, nin máis nin menos", di.

"Pedimos ter o mesmo que o resto, nin máis nin menos"

Cun espírito semellante ao que alimentou nos últimos anos as mobilizacións a prol dos servizos no hospital Lucus Augusti a protesta foi secundada tamén polo goberno da Deputación provincial a través do seu presidente, Darío Campos (PSdeG), e do seu vicepresidente, Antonio Veiga (BNG). Dende a institución provincial a batería de reivindicacións ferroviarias é ampla: dende servizos de proximidade á supresión de pasos a nivel ou "a chegada do AVE á provincia", conexión para a que, lembran, o propio Alberto Núñez Feijóo se erixiu como garante en 2009.

"Feijóo garantiu no ano 2009 que se Fomento non remataba o AVE, faríao a Xunta"

A esa promesa referiuse tamén durante a viaxe reivindicativa o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. "Feijóo garantiu no ano 2009 que se o Ministerio de Fomento non remataba o AVE" a Lugo, "faríao a Xunta", lembra. "Pero debía ser unha promesa electoral máis", lamenta, ante unha reivindicación que cre "de país, de Galicia" e á que, ao seu xuízo, o PP debería unirse. Pero os conservadores, censura, están "ausentes unha vez máis dos problemas da cidadanía" aínda que despois clamen pola "unidade".

Méndez e Besteiro, co presidente da Federación Veciñal e o titular da Deputación CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.