Máis Galiza, Acción Galega e EcoGal pechan un acordo "político e programático"

Noriega, Bascuas, Cuiña e Hermida, nun coloquio en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Cumpriuse o previsto, aínda que con lixeiras variacións. Máis Galiza, Acción Galega e o Espazo EcoGaleguista veñen de pechar o primeiro "acordo político e programático" que xorde do que se vén dando en chamar 'novo proxecto común' e que emana dos "obradoiros de ideas" nos que os tres colectivos máis o Encontro Irmandiño veñen traballando dende hai semanas. Como adiantou Praza Pública, as formacións que participan nas conversas fixaran o 15 de maio como data para fiar un primeiro acordo, se ben en días pasados os irmandiños apostaron por adoptaren un ritmo diferente, en aras de garantir que o proxecto xorde "de abaixo a arriba", con protagonismo das asembleas que funcionan en diversas comarcas do país. Sobre esta base os catro grupos xuntáronse este martes en Compostela e tres deles "chegaron a un acordo" que "será presentado de xeito inmediato á cidadanía para sometelo a un proceso aberto de deliberación pública e participativa".

Continúan os contactos cara á confluencia co EI, o proceso está a seguir "dous ritmos", explican

Significa isto unha ruptura co EI? Fontes próximas á negociación subliñan que non. Ben ao contrario, os contactos continúan de cara á confluencia e, simplemente, explican, o proceso está a seguir "dous ritmos" diferentes. Así, os catro "constatan a vontade de todas as partes" para "continuar" a traballar "cara á constitución dun proxecto político e electoral" que, salientan, terá un carácter "democrático, progresista, galeguista/nacionalista" e "cun "compromiso radical cos principios éticos, a rexeneración política e a participación cidadá".

Nesta liña, nun comunicado conxunto -o segundo que emiten dende o inicio das conversas- as catro forzas políticas "expresan o seu acordo en respectar as dinámicas e metodoloxía de cada organización", ao tempo que manteñen "a colaboración e o diálogo entre elas coa mira posta no obxectivo común". Segundo as fontes consultadas esa converxencia podería chegar en poucas semanas e, en calquera caso, antes dos meses de verán.

Tras esta primeira clarificación do proxecto en forma de acordo a tres bandas ademais do momento e a forma en que confluirá o Encontro Irmandiño co resto de forzas resta tamén saber quen acompañará a +G, EcoGal e Acción Galega nesa unión. Como ten relatado este xornal, nas últimas semanas varias forzas ubicada no ámbito galeguista e orientadas ao centro político tenderon á confluencia con AGA, mentres que Máis Galiza só estivo a manter contactos neste ámbito, alén da propia Acción Galega, co Partido Nacionalista Galego.

Noriega, Bascuas, Cuiña e Hermida, nun coloquio en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.