Máis Galiza e 'irmandiños' convocan asembleas para decidir o seu futuro

Militantes do BNG votando na XIII Asemblea Nacional da formación CC-BY-NC-SA BNG

"Unidade" e "reflexión". Son dous dos termos máis repetidos nos primeiros días tras a Asemblea Nacional do BNG que, a pasada semana, reelixiu a Guillerme Vázquez como portavoz nacional e situou a Francisco Jorquera como candidato nacionalista á presidencia da Xunta. Mientres a corrente gañadora da cita asemblea, a Alternativa pola Unidade, fai nestes días fincapé en que vén de comezar o tempo da "corresponsabilidade" e a "lealdade" dende dentro do propio Bloque, as correntes que formaron o outro polo da asemblea, Máis Galiza e o Encontro Irmandiño, veñen de abrir senllos procesos internos que desembocarán nas súas respectivas asembleas nacionais. Nelas decidirase a liña política adoptar na nova etapa e tamén se esta se desenvolverá dentro ou fóra da formación frontista.

Cun xogo de maiorías especialmente axustado na nova Executiva Nacional -sete representantes da ApU, outros sete da suma de +G e 'irmandiños' e un do Movemento Galego ao Socialismo-, a xuntanza que este órgano directivo celebrará a vindeira semana será o primeiro reflexo da nova etapa. Despois dunha primeira "toma de contacto" na que Guillerme Vázquez salientou que as diferenzas entre correntes ficaron en Amio para dar lugar a un único BNG, o segundo encontro servirá para tomar unha decisión que non é menor: a substitución de Carlos Aymerich, líder de +G, como portavoz parlamentario.

Ao feito de que o propio Aymerich amosase ao remate da Asemblea Nacional a súa intención de afastarse da primeira liña política do Bloque -"teño outra vida e outra profesión", resumiu- engádese que os novos estatutos da fronte impiden ser voceiro nunha institución e, ao tempo, encabezar unha corrente interna. Neste sentido, Aymerich precisa que non renunciou formalmente ao cargo, se ben explica que este está á disposición da Executiva, circunstancia que lle explicitou a Guillerme Vázquez. Así as cousas, a remuda producirase agás sorpresa maiúscula, e as olladas sitúanse esencialmente en dúas persoas como posibles substitutos: Ana Pontón, actual vicevoceira, e en menor medida, Alfredo Suárez Canal.

Aymerich intervén ante a Asemblea Nacional do Bloque CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.