"Malia as limitacións, desde os concellos quédanos moito por facer contra o machismo"

Rocío Fraga, concelleira de Igualdade da Coruña Dominio Público @IgualdadeCoruna

Curtida nos movementos feministas e na loita social e sindical, Rocío Fraga asume agora a Concellería de Igualdade e Diversidade no goberno local da Coruña. Impulsora e unha das integrantes desde o inicio da Marea Atlántica, recoñece que fai "esforzos por manter o contacto directo coa rúa" e está convencida da utilidade das institucións para levar a cabo o cambio social que agroma. Na súa área, e malia as limitacións competenciais, dise segura de poder facer moito máis contra a violencia machista e a prol da igualdade e da mellora social de todos os colectivos, aínda que sabe que os atrancos son moitos e variados. 

Como traballa unha Concellería de Igualdade, que adoita ser novidosa en moitos gobernos locais?

Agás no goberno bipartito, que había unha Concellería de Igualdade e Participación, antes non existiu na Coruña. O PP incorporouna a Servizos Sociais e durante estes meses viñemos marcando as áreas de actuación que nos tocaba a cada área de goberno. O noso enfoque é máis de empoderamento e visibilidade das diversidades, pero no tema de igualdade si que temos moitos ámbitos específicos das mulleres e contra a violencia de xénero. Trasladamos moitas oficinas á nosa Concellería, como o Centro de Información ás Mulleres ou o COF, unha petición esta que tiñan tamén as traballadoras, ao igual que o servizo de atención a migrantes e a rede de atención a mulleres. A maiores estamos traballando, de cara ao ano que vén, no reforzamento destes servizos porque unha das eivas máis importantes que atopamos é a escaseza de programas, pero sobre todo de persoal. Queremos traballar moito no tema da prevención da violencia de xénero e cos migrantes. A raíz do das cidades refuxio pensamos que, á marxe deste plan urxente, debiamos facer un para situar A Coruña como cidade acolledora que trate tanto o tema de refuxiados como máis aló, para emigrantes ou para os que xa están a vivir na cidade, ademais de ter en conta todos os asentamentos precarios.

"Unha das eivas máis importantes que atopamos na área de Igualdade foi a escaseza de programas, pero sobre todo de persoal"

Faltaba moito persoal?

Tiña unha dotación, dentro da concellería que era de Servizos Sociais, que era moi reducida. Por iso queremos reforzar o persoal, que traballa estupendamente pero que necesita un reforzo de, tanto de orzamentos como de programas. Os equipos traballan moi ben pero temos que ampliar o traballo para incorporar tamén outros aspectos. 

No respecto á diversidade e á igualdade, facía falta tamén concienciar os traballadores do Concello?

Si, todo fai falta. Nós traballamos en transversalidade, o que implica a concienciación da cidadanía e tamén incorporar a igualdade e a diversidade nos plans de formación de traballadores do Concello e dos membros do goberno. Faremos propostas para todos porque esta tamén é unha demanda dos colectivos, por exemplo do LGTBQI. 

"Temos que reforzar o traballo co colectivo LGTBQI, non tanto como servizo asistencial, senón como espazo para a visibilidade e a sensibilización"

Como é o traballo no ámbito do colectivo LGTBQI?

Era un servizo que se abriu no bipartito e que o PP mantivo a través dunha oficina asistencialista, con dúas horas á semana de atención e unha persoa no soto dun centro cívico. Temos que reforzalo e non tratalo tanto como un servizo asistencial, senón como un espazo para que quen traballe poida facer labores de visiblidade e sensibilización. 

Ao pouco de chegar, o goberno da Marea Atlántica colocou unha gran bandeira LGTBQI na fachada do Concello polo Día do Orgullo. Foi todo un símbolo por novidoso. Foi ben recibido? 

Non houbo problema ningún, para nada. O tema da bandeira foi a unha semana de incorporarnos ao goberno e tivo boa acollida en xeral. Á foto viñeron todos os grupos políticos para apoiar. Neste caso concreto, o acto era tan sumamente simbólico que era difícil reaccionar mal ante iso. Non houbo ningún tipo de reacción negativa, pero xa veremos á hora de facer investimento en persoal, en orzamento e en campañas... A ver daquela como é a resposta, pero non debería haber problema ningún. 

"No Concello había unha relación co sector privado asentada e tácita, permisiva e sen meterse moito nos enfoques que lle dá ás cousas"

A súa Concellería protestou oficialmente polo tratamento ás mulleres na publicidade da Oktoberfest...

Aí e noutros casos atopánomonos cunhas dinámicas herdadas e que cosisten en non incidir, en traballar co sector privado dun xeito moi permisivo, facilitando as cousas sen meterse moito nos enfoques que se lles dan ás cousas. Había unha relación co sector privado moi asentada e tácita que viña dos outros gobernos locais. Había unha especie de "todo vale" por ser empresas privadas e non permitirnos participar no enfoque que se lles quere dar aos seus proxectos. Aínda que os organicen eles, se son atividades avaladas polo Concello, creo que deberiamos poder influír un pouco nos enfoques e que vaian na liña que nós pedimos. 

Reciben presións desas empresas ou organizadores?

Insisten moito no tema de que non nos costa cartos e de que lles deixemos facer. Non é de todo certo porque todo costa cartos, aínda que sexa pór un dispositivo de mobilidade. Aínda que non teña subvención, si costa diñeiro e nós queremos un enfoque axeitado. Non é doado poñer algún tipo de límite a algo que se leva facendo anos dunha maneira. Pero non significa que nos queiramos cargar as cousas... E temos que facer un traballo previo de concienciación. No caso das festas dos Castros, por exemplo, non é a nosa intención suprimir unha festa de barrio, nin moitio menos. Só queremos traballar con ela para que non formulen certas actividades e para que entendan que coroar nenas de oito anos non debería formar parte dunha celebración. A nosa idea non é cargarnos nada, senón que as propias asociacións, a propia veciñanza se decate de enfoques que non consideramos axeitados. Non queremos cargarnos nada senón facer un traballo máis de fondo. Buscamos un cambio de enfoque, non eliminar nada. 

"A nosa idea non é cargarnos nada; buscamos un cambio de enfoque nalgunhas cousas pero non eliminalas"

Entendo que son cousas que estaban no programa da Marea Atlántica.

Si, pero a xente está afeita a que os programas nin se lean nin se cumpran. Agora parece que é a oposición quen está máis preocupada por que se cumpra o noso programa cando nós xa o temos interiorizado e cremos nel. Queremos levalo a cabo e moitas veces insistimos en que as nosas propostas son propostas que tiñamos no programa. 

Cal foi a polémica coa Carrera de la Mujer

Levamos semanas falando coa organización da carreira para tratar de darlle outro enfoque porque é outra desas cousas herdadas. Somos conscientes de que hai moitas mulleres que queren correr esa carreira e por suposto que se vai permitir que se faga, pero queremos modificar o enfoque e falámolo coa organización. Non chegamos a tempo porque xa a tiñan acordada e teñen unha serie de patrocinios determinados. Ademais, son carreiras privadas que fan unha doazón a unha causa benéfica, aínda que non son netamente benéficas. Intentamos cambiar o enfoque e seguiremos traballando, pero non se trata en pararnos no simbólico dunha cor nin en prohibir, senón que hai patrocinios que consideramos que van en contra desa suposta oferta para as mulleres [a organización reparte a revista Hola! e cosméticos ás participantes]. Queremos que se fomente o deporte feminino e de base e así o estamos facendo en moitos ámbitos. Só queriamos chegar a uns minimos para cambiar o enfoque.

Que deixou de facer o Concello na carreira?

Colaboramos no dispositivo e decidimos retirar a colaboración na organización por esa diferenza de enfoque. Ata que non lle deamos esa volta, preferimos non colaborar activamente, pero si que imos colaborar en que todo vaia ben e con normalidade porque son moitas mulleres as que participan e queremos que todo saia perfecto. Nese sentido, toda a colaboración, pero non no enfoque da propia carreira. 

"Desde os concellos temos moito por facer e mellorar na sensibilización e concienciación na loita contra o machismo"

Como se pode loitar contra o machismo desde un Concello, tendo en conta a limitación de competencias?

Temos limitacións lexislativas e competenciais, pero estamos nunha institución que á e a máis achegada á cidadanía e temos moito que facer e mellorar en sensibilización e concienciación en primeira liña e nas que debemos incidir. Temos moito que facer. Co pouco orzamento que nos quedou, de feito eran 89 euros para estes tempos, enfocamos de aquí a final de ano a nosa presenza máis pública a través de campañas de sensibilización e nos orzamentos do ano que vén faremos programas concretos. Temos moitas posibilidades de poder incidir nese cambio de mentalidades, na educación porque temos a posibilidade dos centros cívicos e lembrando, como fixemos nas festas, que debe haber unhas celebracións sen violencias machistas, sensibilizando a xente de que queremos unha cidade allea a todo tipo de violencias, non só das máis graves, senón doutras. 

Quedaban 89 euros no orzamento?

Entre os temas pendentes de execución e comprometidos, temos 89 euros para facer novas campañas, de aí o de plantexar un modificativo que nos permitise chegar a fin de ano con algo máis de cartos. A xente que vimos da Marea e dos movementos sociais sabemos facer moitos cousas con moi poucos cartos. E aí estamos, con ilusión. 

En que consiste a colaboración coa mesma área de Igualdade co Concello de Compostela e coas denominadas "cidades rebeldes"?

Co Concello de Compostela queremos manter unha liña permanentamente aberta, así como con todas estas cidades rebeldes coas que estivemos en Barcelona. Centramos moito o tema nas vioelncias machistas e intentaremos lanzar unha Rede de Cidades Libre de Violencias Machistas, sobre todo despois do que está pasando e logo deste verán horrible neste ámbito. É moi importante facer presión desde o local para cambios lexislativos. O que fixemos en Barcleona e o que queremos facer con Compostela, Ferrol e outros concellos é traballar xuntos, tecer redes e colaborar entre nós, compartindo campañas e intereses. 

"Intentaremos lanzar unha 'Rede de Cidades Libre de Violencias Machistas"

Que novidades hai en canto á acollida e refuxiados sirios?

Temos unha xuntanza na FEGAMP o vindeiro luns e a FEMP xa nos enviou unha circular onde se especifican os recursos que requiririan dos concellos. Ademais, desde o Concello xa nos puxemos en contacto con todas as ONG e colectivos e lanzamos un formulario para que todos os cidadáns que queiran e poidan axudar nos aclaren o que poden ofrecer para centralizar todo e organizar. Agora o importante é saber os prazos que se manexan. Hai pouca experiencia nesta materia e a que hai lévanos a pensar que igual tardan meses en chegar e é importante aceleralo. 

Saben canta xente vai acoller A Coruña?

Feijóo dixo no seu momento 300 persoas, pero xa parece que o Estado abriu a man. A FEGAMP aclararanos iso. 

Como integrante e impulsora da Marea Atlántica e do espazo de confluencia, que lle parece o proceso de unidade que se está a artellar en Galicia?

A miña opinión é que me gustaría que todo o espírito da Marea Atlántica estivese reflectido nesa confluencia. A Marea foi un proceso exemplar e, nós, que estivemos un ano traballando nela, sabemos que hai posibilidades e que é desexable chegar a algo parecido. Non está nas nosas mans porque xa dixemos que  eramos un proceso municipalista, aínda que nos encantaría que se dese. Temos todo ese coñecemento para compartir e estámolo compartindo. Que vou desexar? Pois que saia para diante e que haxa unha confluencia galega porque cremos que é o momento e que é o único xeito. 

"Fago esforzos por manter o contacto directo coa rúa porque sempre foi o que quixen facer"

Como se leva pasar do movemento social, do sindicalismo, da loita na rúa a traballar no palacio municipal e nun goberno local?

Por unha banda, aprendendo cada día unha parte da política que non coñecía, e por outra botando un pouco de menos outras cousas porque o traballo absorbe bastante. Fago esforzos por manter o contacto directo coa rúa porque sempre me gustou e sempre foi o que quixen facer. Moitas veces isto confunde porque sei que teño que exercer de concelleira e pregúntome se hai cousas que debo facer ou non. É complicado atopar o sitio, pero para min lanzarme a dar este paso era unha ferramenta mais na miña liña de actuación. Sempre estiven afeita a estar enfronte das institucións, pero pareceume o momento de empregar as institucións como ferramenta e sigo pensando o mesmo, que isto é unha ferramenta que empregamos, que creo que serve para acadar eses obxectivos que me marquei. Creo que si que serve e, se non serve, pois a seguir. 

Rocío Fraga, concelleira de Igualdade da Coruña Dominio Público @IgualdadeCoruna

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.