Maratón preelectoral de Besteiro a prol de gobernos locais do PSdeG "para a maioría"

Besteiro e cabezas de cartel do PSdeG, este sábado en Compostela CC-BY-NC-SA PSdeG

Cambre, Chantada, Ames, Ribadeo, Ortigueira, Miño, Ponteareas, Muros, Paradela, Foz... E así, ata unha trintena de localidades no que vai de mes, incluíndo varios actos nas cidades. Foron algunhas das paradas do maratón preelectoral que está desenvolver José Ramón Gómez Besteiro no seu primeiro proceso electoral municipal como secretario xeral do PSdeG ou, o que é o mesmo, as primeiras eleccións cunha campaña con dinámica galega que afronta dende o liderado do partido. Malia ao complexo do contexto, coa aparición de múltiples novas opcións electorais na esquerda e cun PSOE que aínda tenta desprenderse do lastre das súas últimas decisións no goberno do Estado, Besteiro está a implicarse persoalmente nunha carreira electoral que o partido lanzou definitivamente este sábado na súa convención municipal.

Arrodeado das candidatas e candidatos socialistas para as vindeiras municipais nos concellos galegos Besteiro alentou os cabezas de cartel manifestando a convicción de que ao dominio electoral do PP lle resta un mes, o que falta para a cita coas urnas. "O 24 de maio -afirma- chegará a fin das maiorías absolutas con alcaldes de PP" e no seu lugar haberá "gobernos socialistas para a maioría". Acontecerá nun contexto no que, afirma, xa non cabe que os populares sigan a falar de xestión herdada, senón que cómpre destacar outra "herdanza" a de "Alberto Núñez Feijóo e do Partido Popular", que "xa e'unha hipoteca económica e social para Galicia que durará moitos anos".

Na súa primeira campaña local á fronte do partido o líder socialista leva percorrida unha trintena de localidades no que vai de mes

Besteiro chama a atención sobre unha das ideas forzas do argumentario dos conservadores en Galicia nos últimos días. Feijóo, lembra, manifestou que "non se pode crer nos partidos persoa", en referencia á formación de Albert Rivera, nin tampouco "nos partidos antipersoa". "Pode que teña razón, pero quero matizarlle unha cousa de forma importante -ironiza-: Non se pode crer nos partidos persoa nin nos partidos antipersoa e Feijóo representa o partido antipersoa por excelencia neste país".

"Feijóo representa o partido antipersoa por excelencia neste país", afirmou Besteiro na convención que este partido celebrou este sábado

Neste contexto o líder do PSdeG presenta os alcaldes e alcaldesas socialistas como a mellor mostra de que "en plena crise, en pleno bombardeo de recortes da dereita, se pode seguir facendo política social nos concellos". "Debemos ter claro que a nosa forza radica en que somos un proxecto colectivo, o PSdeG-PSOE non é unha aventura política dunha cúpula de persoas", senón "a forza máis sólida, clara e próxima á cidadanía dende as primeiras municipais", afirma. A partir do 24-M, augura, seguirano sendo, pondo ademais en marcha novas medidas como "ordenanzas de transparencia e participación cidadá".

Tras a súa intervención na convención municipal o roteiro de Besteiro continuou en Ribeira e este domingo seguirá en Ordes. Mentres, no desenvolvemento do acto, interviron tamén, entre outros, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, ou o candidato socialista en Santiago, Francisco Reyes. Outras persoas candidatas polo PSdeG nas vindeiras eleccións protagonizaron dúas mesas de debate, unha sobre concellos sostibles cos cabezas de cartel nas Pontes, Vilagarcía, Ferrol, Ourense e Pontevedra e mais con Ana Prieto, integrante da lista en Lugo, e outra sobre "concellos aos servizos das persoas", co alcalde lucense e as candidatas e candidatosd e Antas de Ulla, A Coruña, Ames, Piñor e Lalín.

Besteiro, en Cedeira co candidato do PSdeG á alcaldía CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.