Martínez abandona AGE tras marchar de Anova e compartirá o Mixto con Carmen Iglesias

Consuelo Martínez, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA AGE

Enésimo movemento no mapa político do nacionalismo. Apenas tres semanas despois da segunda Asemblea Nacional de Anova e tras o referendo interno no que a corrente Cerna decidiu abandonar a formación, a deputada Consuelo Martínez, membro do que antes era grupo interno e agora aposta por configurarse en partido, anuncia que deixa tamén o grupo parlamentario da Alternativa Galega de Esquerda. A parlamentaria viguesa anunciou este martes a súa intención de seguir a liña de Carmen Iglesias e pasar a formar parte do Grupo Mixto na Cámara autonómica ata o remate da lexislatura, previsto para o outono do 2016.

Aínda que, inicialmente, Martínez declarara estar "disposta a seguir no grupo" de AGE "independentemente do resultado do referendo interno" de Cerna, a deputada coida agora que hai "razóns políticas" que a obrigan á súa marcha, tales como que Alternativa traballa "non como un grupo, senón como un grupo de grupos" no que o "peso" recae "en Izquierda Unida" e que adoece dos "mesmos fallos" que "unha coalición tradicional". As súas razóns, asegura, son políticas e non económicas: "Non teño ningún interese nos cartos" e por iso considera "moi triste que se dixese algo tan fácil para tentar desprestixiarme".

Beiras: "Cadaquén é libre de tomar as súas decisións, pero debe asumir as súas responsabilidades"

Neste contexto o voceiro de AGE e covoceiro de Anova, Xosé Manuel Beiras, lamenta a marcha de Martínez, con quen, di, hai poucos días se comprometeu a "subsanar o que houbese que subsanar" no funcionamento do grupo. "Cadaquén é libre de tomar as súas decisións, pero tamén debe asumir as súas responsabilidades", advirte o nacionalista, que asume "con paciencia" a marcha da deputada, con quen cría que ficara "todo aclarado". El, mantén, respectará a "liberdade de expresión" de Martínez aínda que esta "teña custos" para el, que seguirá adiante en AGE: "o meu carburante anda na reserva, pero non o vou deixar mentres teña folgos", subliña.

Con Carmen Iglesias

Esta circunstancia deixa o grupo de AGE con sete membros e o Mixto, con dúas integrantes, o que, previsiblemente, obrigará a reformular elementos de funcionamento da Cámara que van dende as instalacións ao réxime retributivo, pasando polas quendas de intervención en comisións e plenos. Este reparto terá que realizalo Martínez con Carmen Iglesias, que se incorporou ao Grupo Mixto en 2013 tras negarse a ceder o seu escano a unha representante de Anova pola marcha de David Fernández, para así manter o equilibrio de forzas saído das urnas.

Iglesias formulou 43 iniciativas dende a súa chegada á Cámara

Neste tempo Iglesias leva formuladas 43 iniciativas parlamentarias, na súa maioría preguntas ao Goberno en materias como a igualdade de xénero, os servizos sociais ou equipamentos culturais na provincia de Ourense. Asemade, presentou tamén proposicións en materia sanitaria e reclamou a derrogación das leis que avalan organizacións antiabortistas. Do mesmo xeito, no pasado debate de política xeral logrou sacar adiante varias das súas propostas de resolución grazas a acordos co PP.

Consuelo Martínez, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.